Un libro repasa os clásicos de SEGA para máquinas recreativas

mércores, 13 de decembro do 2017 Marcus Fernández

A editorial especializada en libros de videoxogos GamePress abriu esta semana as reservas para a súa nova publicación, SEGA Arcade Classics Vol. 1, libro que verá a luz o 5 de xaneiro de 2018, xa pode adquirirse por 29,95 euros e que é un xeito de lembrar máis de 80 xogos clásicos de SEGA que naceron nas máquinas recreativas dos anos 80 e 90 a través de análises exhaustivas, datos, curiosidades...
Esta obra é a tradución ao español dun libro en inglés de Hardcore Gaming 101, que xa conta tamén con versión en alemán e xaponés, e que nesta ocasión podería considerarse como unha remasterización, xa que a obra chegaranos con tapa dura, 8 páxinas adicionais exclusivas, un prólogo adicional de Jon Cortázar (de Relevo Videogames) e melloras nas imaxes que converten a este tomo de 176 páxinas nun obxecto de colección para calquera afeccionado aos xogos de SEGA.
Entre os xogos que se repasan nesta obra están distintas entregas de OutRun, After Burner, Shinobi, Altered Beast, Golden Axe, Alex Kidd, Wonder Boy, Space Harrier e moitas outras xoias que deixaron pegada na industria do lecer interactivo.

Páxinas na que repasan Shadow Dancer, un dos xogos da serie Shinobi

PUBLICIDADE