Un libro repasará a historia de SEGA

luns, 23 de abril do 2018 Marcus Fernández

A editorial española especializada en videoxogos Game Press sorprendeu hoxe anunciando a apertura das reservas dun libro que non anunciaran previamente, Service Games: El auge y caída de SEGA, de Sam Pettus, que vén a ser unha versión traducida e mellorada da obra editada en inglés en 2013 na que se recollían fichas técnicas, entrevistas exclusivas, citas, curiosidades, fotografías e materiais gráficos da historia de SEGA entre 1951 e primeiros dos 2000.
Esta obra permite así repasar a historia dunha compañía que conseguiu converterse en todo un referente global e que chegou a converterse no principal rival de Nintendo no sector das consolas de videoxogos, nunha batalla na que SEGA non só loitaba contra a grande N, senón que tamén vivía unha guerra interna entre a súa división xaponesa e a americana.
Aínda que consolas como a Master System e a Mega Drive tiveron unha acollida bastante boa, e incluso ousaron a competir coa Game Boy ofrecendo unha experiencia moi distinta coa súa Game Gear, SEGA non soubo planificar ben os seus lanzamentos e a súa prometedora Dreamcast tivo que ver como aos poucos meses do seu lanzamento tiña que facer fronte á PlayStation 2, que sería a consola de videoxogos de maior éxito de todos os tempos, superando incluso ás portátiles de Nintendo.
A sucesión de fracasos levou a SEGA a pasar de ser un fabricante de consolas a unha mera distribuidora, polo que a narración do seu auxe e caída resulta moi interesante, o que Pettus ilustra bastante ben, e que nesta nova edición conta cun capítulo especial sobre o caso particular de SEGA España escrito por Raúl Montón, quen fora product manager da compañía e quen tamén conta co axuda doutros directivos de SEGA España para revivir dende as orixes até os últimos días de SEGA en España, chegando a detallar datos totalmente inéditos achegados polos propios protagonistas.
Game Press permite reservar xa o libro por 28,45 euros, incluíndo marcapáxinas e outros incentivos para os lectores que amosen a súa confianza con esta compra anticipada. O libro verá finalmente a luz o 21 de maio.

PUBLICIDADE