Un milleiro de docentes participa nunha xornada sobre IA e educación

luns, 18 de marzo do 2024 Redacción

O pasado sábado celebrouse na Cidade da Cultura o Congreso Intelixencia Artificial e Educación, onde o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, destacou a aposta da Xunta por garantir un acceso equitativo ao uso das tecnoloxías na escola. “A equidade e a accesibilidade son piares básicos do sistema educativo galego, polo que traballamos para compensar as posibles desigualdades no uso das tecnoloxías”, salientou.
Explicou que os centros contan con recursos de equipamento, como os Polos Creativos, que se complementan cun amplo programa de actividades formativas, entre elas a celebrada hoxe na Cidade da Cultura, “cun éxito de participación que fixo que tivéramos que ampliar ata máis de 1000 as prazas”. Así mesmo, sinalou que o sistema educativo galego conta con materias específicas como Intelixencia artificial para a sociedade e Tecnoloxías intelixentes, ademais de cun grao universitario en Intelixencia Artificial.
Finalmente, lembrou que xa está en fase inicial o desenvolvemento dun proxecto pioneiro en España, EdugalIA, para aplicar as vantaxes da Intelixencia Artificial á Administración educativa dixital para mellorar a toma de decisións de cara ao éxito escolar e crear un expediente académico único, entre outras melloras
Nesta xornada de formación do profesorado abordáronse os aspectos éticos e mecanismos de regulamento da Intelixencia Artificial, as ferramentas para aplicala á docencia e a protección de datos. O obxectivo é que os docentes coñezan os conceptos fundamentais desta disciplina e da súa aplicación ao ámbito educativo, coas correspondentes ferramentas e analizar os aspectos éticos, de seguridade e legais.

PUBLICIDADE