Un mozo de 16 anos é o novo campión do mundo de Tetris

martes, 23 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Os torneos de videoxogos internacionais tenden a ter un grande número de participantes e unha bolsa de premios impresionante, pero algúns destes campionatos, pese a ser moito máis modestos, tamén son rechamantes e conseguen ser o escenario de momentos épicos, como a pasada fin de semana durante a celebración da Portland Retro Gaming Expo no Oregon Convention Center, onde déronse cita máis dun cento de xogadores de todo o mundo para competir en partidas do clásico Tetris de NES no que sería a 9ª edición o Classic Tetris World Championship (CTWC).
Esta competición contou con grandes campións de Tetris de todo mundo, incluíndo a Jonas Neubauer (campión dos anos 2010, 2011, 2012, 2013, 2015, 2016 e 2017), Harry Hong (campión en 2014), Svavar Gunnar Gunnarsson (campión de Europa) ou Jani Herlevi (campión finés), pero sorprendentemente un mozo californiano, Joseph Saelee, de 16 anos de idade, conseguiu superar ao anterior campión nunha impresionante final que o levou a facerse co título desta 9ª edición do campionato, e os 1.000 dólares de premio, mentres que Neubauer tivo que conformarse cun premio de 500 dólares polo seu segundo posto.
Cómpre salientar que Saelee conseguiu gañar cun 3-0, para o que empregou unha técnica de control moi esixente chamada hypertapping, que consiste en realizar todos os movementos mediante pulsacións curtas, o que nos momentos críticos pode chegar a precisar de 10 toques por segundo, capacidade do que poucos son capaces.
Mais de 41.000 espectadores seguiron a impresionante final, deixando claro que o Tetris de 1989 para a primeira consola doméstica de Nintendo segue a ser un grande xogo competitivo, tendo moito mérito que un mozo poida superar a xogadores veteranos.
Tras a competición xa hai máis de 675.000 reproducións da final en Twitter, e unhas 140 mil en Twitch, constando o interese que teñen este tipo de logros que non poden verse con frecuencia, especialmente polas condicións deste tipo de torneos nos que os contendentes teñen que xogar co Tetris de NES orixinal, con mandos orixinais e nunha vella pantalla de tubo de raios catódicos, buscando así replicar á perfección a experiencia de xogo que se tiña en 1989.

Vídeo no que podemos ver a final do CTWC

PUBLICIDADE