Un programa permite levar os vídeos do PC á Xbox 360

mércores, 8 de novembro do 2006 Marcus Fernández

A Xbox 360 parece resistirse a saír da actualidade nestas datas, pois trala súa actualización de software que lle permite comunicarse con equipos con Windows Media Center (ou con reprodutores Zune) para poder achegar os seus contidos ó televisor da casa mediante streaming, agora sorpréndennos con que estas limitacións se poden eliminar de xeito doado grazas a un programa coñecido coma Transcode 360, que funciona co Windows Media Connect, pero que permite ós usuarios adaptar os ficheiros en DviX ou XviD descargados da Rede para o seu acceso dende a consola de Microsoft.
O uso do programa é tan doado coma arrastrar e soltar os ficheiros que queiramos adaptar e se vale do programa de código aberto VLC, o que se converte nunha alternativa de balde á tenda de vídeos que Microsoft lanzou esta semana para a Xbox 360.
O Transcode 360 non só permítenos ver de balde o último episodio de Perdidos (ou doutras series de televisión) trala súa descarga a través da Internet, senón que tamén nos permite recuperar os moitísimos vídeos que a xente garda no seu ordenador, para poder velos directamente no televisor do salón a través da Xbox 360, de xeito que se libera da tiranía da pantalla do ordenador e se abraza un xeito moito máis natural de ver os contidos audiovisuais: sentado no sofá como coa televisión e as películas de DVD.

PUBLICIDADE