Un proxecto audiovisual dá voz ás mulleres maiores que viven no rural

xoves, 27 de novembro do 2025 Redacción

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, salientou esta tarde o respaldo do Goberno galego a iniciativas de vangarda que buscan dar voz ás mulleres que viven no rural. Así o indicou na presentación de Mulleres en Rede, un proxecto impulsado pola Asociación Cultural Castelo Conta e o Colectivo Grigri en colaboración coa Xunta de Galicia.
No acto celebrado no Museo Centro de Interpretación da Conserva, María Quintiana subliñou tamén o papel esencial que desempeñan as mulleres no rural, así como a relevancia de propostas que fomentan espazos de reflexión, apoio e conexión entre elas. Nese sentido, a directora xeral recoñeceu que accións coma esta son determinantes para seguir avanzando na igualdade nas aldeas galegas.
Mulleres en Rede é unha iniciativa de creación audiovisual comunitaria que procura recoller as voces, experiencias e memoria das mulleres maiores de diferentes zonas de Galicia, neste caso da Illa de Arousa e de Vilaño (A Laracha). A través da elaboración conxunta dun arquivo audiovisual e dun relato compartido, o proxecto pretende visibilizar o valor dos coidados, reflexionar sobre a súa distribución e avanzar cara fogares e comunidades máis corresponsables.
A proposta dá continuidade ao proxecto Mulleres de Castelo, nacido en 2023 ao abeiro do festival Castelo Conta, do Colectivo Grigri e da Fundación Paideia, no que as protagonistas foron as veciñas da aldea de Castelo, en Culleredo. A cineasta e comunicadora Hadriana Casla foi quen de reunilas en varias sesións e de favorecer a súa reconexión, coa colaboración dun veciño da mesma aldea, o actor e humorista Xosé A. Touriñán. Un ano despois estreouse o documental Mulleres de Castelo, unha obra que contribuíu a reforzar os vínculos entre as participantes mediante a posta en común de vivencias e inquedanzas semellantes, consolidando unha rede de amizade que hoxe continúa a sostelas.