Un proxecto coruñés sobre TIC e xeometría, na mostra estatal Campus Vivo

xoves, 4 de xullo do 2019 Redacción

O proxecto Xeometría Aplicada da Universidade da Coruña vén de ser seleccionado para participar na terceira edición da exposición Campus Vivo. Investigar na Universidade, organizada e producida polo Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), co obxectivo de trasladar á sociedade a importancia da investigación que se leva a cabo nos campus estatais (unha importancia clave para o desenvolvemento, para a defensa do medio natural e para mellorar a calidade de vida das persoas). Xeometría Aplicada está impulsado por Adriana Dapena, investigadora de arquitectura de computadores, sensórica e comunicacións do Centro de Investigación TIC da UDC (CITIC). Os outros sete proxectos que conformarán a exposición, que se poderá visitar a partir de novembro no Museo de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña, pertencen ás universidades de Murcia, Burgos, Cádiz, Granada, Navarra, Euskadi e a Universitat Oberta de Catalunya.
A convocatoria recibiu un total de vinte propostas para as catro grandes áreas temáticas definidas: orixe da humanidade, avances científico-tecnolóxicos, retos do futuro e retos sociais.
Xeometría Aplicada, como dixemos, é unha iniciativa liderada pola investigadora da UDC Adriana Dapena, integrante do Grupo de Tecnoloxía Electrónica e Comunicacións (GTEC) da Facultade de Informática. Baséase en achegar un conxunto de actividades orientadas ao público xeral co obxectivo de mostrar a importancia da xeometría en enxeñaría. A investigación foi realizada en dúas fases: na primeira estudouse a caracterización das posicións relativas entre elipsoides e outras superficies cuádricas utilizando técnicas xeométricas que involucran desde a análise matemática ata a álxebra lineal e na segunda desenvolvéronse algoritmos para a determinación de contacto entre obxectos modelados con ese tipo de superficies envolventes. Segundo informa a UDC, os resultados obtidos poden aplicarse a ámbitos moi diversos como videoxogos, control de drons ou empaquetado denso, entre outros.

PUBLICIDADE