Un vídeo do Courel arrasa en YouTube
martes, 17 de marzo do 2009
|
|
Alá van xa dous anos dende que uns voluntarios da asociación
ecoloxista Adega, co obxectivo de reivindicar a creación dun parque natural na
Serra do Courel, publicaron en YouTube un vídeo promocional deste paraxe idílico,
que pronto superaría as 450.000 visitas.
O film, duns seis minutos de duración, non tardou nin medio
ano en converterse “nun dos maiores
fenómenos do ciberespazo en Galicia”, tal e como expoñen na edición de hoxe
de La
Voz de Galicia, e na actualidade segue a atraer a curiosidade dos e das
internautas, que acceden en masa á ligazón pendurada na sección Viajes y eventos do YouTube español,
para velo.
Tal é a popularidade deste vídeo que, a día de hoxe, está
preto de superar o millón de visitas, unha cifra que o sitúa entre os seis máis
vistos da devandita sección na que se atopa e nun dos máis coñecidos do
ciberespazo galego.
As imaxes, que segundo explican no xornal dixital, proceden
do programa de TVG, Galicia para o mundo,
foron montadas por uns voluntarios, que escolleron como banda sonora, moi
acertadamente, o tema musical Terra,
de Luar na Lubre, case tan bonito como o “paraíso
máis perdido de Galicia”.
