Un videoxogo narrará o Holocausto a través da imaxinación dun cativo

martes, 11 de marzo do 2008 Marcus Fernández

Imaxes do futuro e polémico xogo

O británico Luc Bernard está a traballar na creación do xogo Imagination is the Only Escape para Nintendo DS no que podemos encarnar a un cativo xudeu en Francia que fuxe dos horrores da II Guerra Mundial coa súa imaxinación, como alternativa ós violentos xogos de acción ambientados na época, de xeito que tamén sexa unha interesante ferramenta educativa para os nenos, que poderán coñecer así o que aconteceu realmente durante o Holocausto.
Este título aínda está lonxe de rematarse, pero curiosamente se formou moito rebumbio ó seu redor ante rumores de que poderían vetar a súa distribución, aínda que a súa produtora, Alten8, nega estas informacións e o seu director asegura que agardan que se comercialice en Europa a finais de ano.
O autor recoñece que o seu xogo gardaría semellanzas coa película El Laberinto del Fauno, aínda que presentado coma un videoxogo de plataformas que representa á imaxinación dun cativo que utiliza a fantasía para fuxir dos tráxicos acontecementos que o rodean.