Un galego entre os 10 mozos innovadores máis brillantes de España

luns, 22 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Elías Pérez Carrera é o co fundador de Quobis

A publicación Technology Review en español elixe por segundo ano consecutivo aos 10 innovadores máis brillantes menores de 35 anos nuns galardóns coñecidos como TR35 Spain, que busca recoñecer o labor de mozos españois que estean a abrir novas posibilidades no ámbito da tecnoloxía entre os que destaca o galego Elías Pérez Carrera, co fundador da consultora tecnolóxica Quobis en 2004 e na que que traballan actualmente máis de 20 persoas e dende a que concibiu o proxecto IdentityCall, co que busca ofrecer a a institucións e grandes empresas unha solución de alta seguridade para chamadas de voz.
Precisamente esta solución foi a que valeulle o recoñecemento de Technology Review, por amosar evidentes vantaxes fronte aos seus competidores ao combinar un elemento que a persoa que chama posúe (un certificado dixital ou unha smartcard) e un elemento que precisa coñecer (un código PIJN) o que en palabras de Pérez Carrera “garante a identidade e o non repudio no ámbito das redes de voz de nova xeración”.
Esta solución pode empregarse dende un ordenador empregando DNI electrónico para identificar ao usuario, mentres que dende dispositivos como un tablet ou un smartphone precisaría dun certificado dixital, medidas de seguridade que permitirían asegurar tanto o contido como a autoría das chamadas de voz sobre IP, o que podería ter grande utilidade para servizos de banca electrónica, conversas confidenciais, trámites administrativos, contratación de servizos e outros usos nos que evitaríase unha tramitación presencial, cos aforros que iso supón para ambas partes.
Dende o xurado dos premios TR35 aseguran que Pérez Carrera e a súa empresa (Quobis) souberon entender que “a innovación é dinámica, complexa, global e non lineal”, convertendo a “fortaleza innovadora” no seu modelo de negocio.

PUBLICIDADE