Un xogo de baloncesto en liña pasa a ser de balde

venres, 26 de outubro do 2007 Marcus Fernández

Sierra Online abriu o seu xogo FreeStyle Street Basketball ó público xeral, pasando a ser de balde, polo que calquera que se rexistre na súa web poderá botar pachangas de baloncesto e avanzar por tódolos niveis co que pretenden animar ós usuarios a pagar para adquirir elementos na tenda do xogo.
Os usuarios Premium actuais recibirán 3.000 unidades da moeda do xogo, e os que mercaran o xogo recibirán 6.000 unidades, pero sorprende que os usuarios básicos (os que non pagaron nada) poidan acceder a tódalas características do xogo, e mesmo avanzar ata as ligas profesionais.
O xogo de baloncesto na rúa emprega unha combinación de puntos gañados e mercados (points e bills) que permitirán mellorar ós xogadores (ou modificar a súa aparencia) que poderán participar en partidos de 1 contra 1, 2 contra 2 e 3 contra 3. Próbase así un modelo de negocio que podería converterse nunha moda.
FreeStyle Street Basketball está a converterse en todo un éxito en Asia (onde xa ten 30 millóns de xogadores) e agora que os usuarios poden acceder de balde ós seus 45 niveis de xogo é de agardar que o número dos seus xogadores medre en todo o mundo.

PUBLICIDADE