Un xurado conclúe que Elon Musk enganou investidores de Twitter antes da compra de 2022

venres, 20 de marzo do 2026 Redacción

Un xurado federal en San Francisco determinou que Elon Musk enganou deliberadamente os investidores de Twitter durante o proceso previo á adquisición da compañía en 2022, ao emitir mensaxes públicas que contribuíron a depreciar o valor das accións.
Segundo a resolución, Musk difundiu información enganosa ao afirmar que a plataforma —hoxe coñecida como X— contaba cun número excesivo de contas falsas. Estas declaracións producíronse mentres trataba de renegociar ou mesmo abandonar a operación de compra, inicialmente valorada en arredor de 44.000 millóns de dólares.
O empresario presentara unha oferta non solicitada de 54,20 dólares por acción, nun momento no que a capitalización bolsista de Twitter roldaba os 36.000 millóns de dólares. Porén, nas semanas seguintes iniciou unha estratexia de cuestionamento público da compañía, centrada na suposta infrarrepresentación de bots na plataforma.
Este movemento coincidiu cunha caída significativa do prezo das accións. En xullo de 2022, os títulos chegaron a cotizar en 32,52 dólares, aproximadamente un 40 % por debaixo do prezo pactado na oferta de compra. Finalmente, Musk completou a adquisición tras unha demanda de Twitter para facer cumprir o acordo.
A raíz destes feitos, un grupo de investidores presentou unha nova demanda acusando ao empresario de fraude, ao considerar que as súas declaracións públicas buscaban reducir artificialmente o valor da compañía para obter vantaxes na negociación.
O xurado deu parcialmente a razón aos demandantes e estableceu que existiu unha manipulación intencionada da percepción do mercado. Aínda que rexeitou dúas das catro acusacións formuladas, considerou probado o comportamento fraudulento en aspectos clave do caso.
A decisión abre a porta a indemnizacións que poderían acadar cifras millonarias ou mesmo superar os 2.600 millóns de dólares, segundo as estimacións presentadas polos avogados dos investidores. O cálculo exacto dependerá das reclamacións individuais que se presenten nunha fase posterior do proceso.