Unha actualización de Windows 11 provoca fallos en varios xogos de Ubisoft

luns, 25 de novembro do 2024 Marcus Fernández

A versión 24H2 de Windows 11 está a provocar problemas en varios xogos de Ubisoft, concretamente Assassin’s Creed Valhalla, Assassin’s Creed Origins, Assassin’s Creed Odyssey, Avatar: Frontiers of Pandora e Star Wars Outlaws, chegando este último xogo a publicar un parche de última hora para mitigar (aínda que non solucionar totalmente) os problemas xurdidos.
Microsoft recoñeceu os problemas na actualización, e tras identificarse despregaron salvagardas en Windows Update de xeito que as últimas actualizacións de Windows 11 non se ofrecen ao usuario de detectarse algún dos xogos problemáticos instalados. Cómpre salientar que as actualizacións seguen a poder forzarse manualmente para a súa instalación, aínda que non recomendan facelo mentres non se corrixan os problemas detectados (no caso de que sexamos usuarios dalgún destes títulos de Ubisoft).