Unha aplicación de axuda ante a enfermidade de Crohn faise co quinto Premio Altia
xoves, 7 de marzo do 2024
Promover proxectos tecnolóxicos que acheguen solucións innovadoras a distintos tipos de retos, fomentando o talento e a creatividade no eido tecnolóxico é o obxectivo que persegue Altia Premia, que celebra este ano a súa quinta edición. Desta volta o gañador foi Alberto Ruibal, co seu proxecto Aplicación móbil Android de axuda na enfermidade de Crohn.
Indo ao proxecto de Alberto Ruibal, dicir que é o resultado do seu traballo de fin de grao, é unha aplicación móbil deseñada para asistir a persoas con enfermidade de Crohn no seguimento da súa alimentación e a identificación de alimentos potencialmente daniños. A través dunha análise polo miúdo dos patróns alimenticios e os síntomas asociados, esta ferramenta permite aos e ás usuarios/as personalizar a súa dieta e mellorar a súa calidade de vida. Asemade, integra funcionalidades para o seguimento de distintos parámetros de saúde, achegando un enfoque holístico no manexo desta doenza.
O xurado de Altia Premia considera que “o traballo de Alberto distinguiuse pola súa rigorosidade e enfoque profesional. Ao incluír enquisas a persoas que padecen a enfermidade de Crohn, logrou dirixir o seu proxecto cara a un obxectivo de gran valor social, mellorando a comprensión da enfermidade e axudando na detección de brotes. A súa adicación e esforzo exceden con fartura o esperado para un TFG, demostrando como a adversidade pode converterse nun motor para o crecemento persoal e profesional”.
"Diagnosticáronme Crohn cando tiña 15 anos, co que ao escoller a temática do TFG tiña claro que quería contribuír de maneira positiva ás persoas que padecen esta doenza”, comenta Alberto Ruibal. “Ao presentarme a Altia Premia quería darlle visibilidade ao proxecto, permitindo concienciar á poboación sobre esta doenza. Estou moi agradecido a todas as persoas que están a usar a aplicación e ao persoal sanitario que me apoiou sempre. Agora poderei destinar o premio a seguir financiando o proxecto”.
A V edición de Altia Premia subliña a importancia da tecnoloxía como ferramenta para enfrontar os desafíos de saúde da nosa sociedade e recoñece o talento e a adicación da mocidade innovadora, á vez que reforza o compromiso de Altia co desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que teñen un impacto real na comunidade.