Unha aventura gráfica ambientada en Allariz premiará economicamente a quen a supere

xoves, 14 de novembro do 2024 Marcus Fernández

A Sala de Xuntas do Concello de Allariz acolleu a presentación do segundo capítulo da aventura gráfica Tristán Téllez, un proxecto interactivo que fusiona cultura, historia e lecer, e que ofrece un premio de 20.000 euros á primeira persoa capaz de superar o reto que presentan.
Esta experiencia interactiva está ambientada en Allariz e os seus enclaves históricos, e propón un percorrido turístico dende a pantalla do noso ordenador resolvendo enigmas. A aventura gráfica botou a andar nun primeiro capítulo ambientado no Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, que culminou coa obtención dunha peza clave, o Hexagrama I de Ching, conseguindo a persoa que superou a proba un premio de 5.000 euros.
O segundo capítulo, que ofrece un premio de 20.000 euros, traslada a historia ás rúas de Allariz, onde cada recuncho pode ser clave para descifrar o enigma e dar un paso máis cara a vitoria. Está programada a estrea desta nova entrega do reto para o día 14 de decembro ás 12:00, que será cando os participantes no reto poderán comezar a explorar o contorno virtual e avanzar na resolución do enigma.
Os responsables do xogo Tristán Téllez salientan que os seus controis son moi sinxelos, non sendo preciso un grande nivel de habilidade en videoxogos para poder gozar do mesmo (combinando o uso do teclado e o rato), xa que realmente o que pon a proba é a capacidade de interpretar mensaxes, investigar e resolver enigmas baseándose na lóxica e no enxeño.

Vídeo da presentación do segundo capítulo de Tristán Téllez