Unha blogueira de moda amadriña a estrea de Tendencias na TVG

luns, 8 de outubro do 2018 Marcus Fernández

A Televisión de Galicia incorpora á súa grella o programa Tendencias, no que de luns a venres, antes da emisión do Telexornal Serán, e durante media hora, exploraranse as correntes e ideas culturais máis modernas para que a audiencia poida estar ao día dos movementos máis vangardistas e non perderse entre as numerosas propostas.
Este espazo está presentado por Nuria Gómez, quen até o ano pasado presentaba Canarias Dmoda, e que agora volve á TVG para percorrer Galicia na procura da visión máis moderna e actual dos novos deseñadores de moda, da arquitectura, da gastronomía, das TIC, da música e doutros eidos neste novo magazine de moda e cultura chamado Tendencias e que na súa primeira entrega visita A Coruña e Vigo.
No seu paso pola cidade da Coruña, Nuria Gómez conversará con Patricia García Lema, blogueira local especializada no mundo da moda e colaboradora semanal da revista YES de La Voz de Galicia, quen amosará a actualidade que se respira nas rúas coruñesas. Tamén achegaranse ao lecer nocturno herculino e á tendencia de moverse pola cidade en bicicleta.
En Vigo achegaranse ás últimas tendencias en perruquería da man de Manuel Bandín e, como remate do espazo, desprazaranse até o Talaso Atlántico para probar o seu tratamento estrela.

PUBLICIDADE