Unha conversión para PC do Super Mario 64 consegue funcionar en 4K

martes, 5 de maio do 2020 Marcus Fernández

Nos últimos días está a causar furor na Rede unha conversión a PC do clásico Super Mario 64, que permite gozar deste título de 1996 en ordenadores persoais en recorrer á emulación, e con gráficos de ultra alta definición e uns movementos moi fluídos.
Aínda que estamos ante un xogo que non pode distribuírse legalmente (xa que a propiedade intelectual pertence a Nintendo) captou moitas miradas o vídeo de 11 minutos que permite ver esta conversión en acción, dende o que tamén apuntan á posibilidade de aplicar técnicas gráficas modernas como o ray tracing, que permite dotar ao xogo duns acabados máis modernos e realistas do que poderiamos esperar dun título con tantos anos enriba e que foi todo un pioneiro dos gráficos 3D.
O interese por este xogo coincide co 35º aniversario de Super Mario, que Nintendo pretende celebrar con versións remasterizadas de varios xogos do fontaneiro italiano, como serían Super Mario 64, Super Mario Sunshine e Super Mario Galaxy, ofrecendo así a posibilidade de xogalos na Nintendo Switch, plataforma para a que tamén estaría previsto o lanzamento de Super Mario 3D World Deluxe e un novo Paper Mario.

Vídeo co Super Mario 64 de PC

PUBLICIDADE