Unha empresa norteamericana permite ter unha canle de televisión en Internet por só 25 dólares/ano

martes, 8 de maio do 2007 Marcus Fernández

Unha canle creada en Me.tvO vídeo na Internet é algo máis que unha moda ou unha tendencia, é unha revolución. Hai que admitir que ata a chegada de YouTube non había nada semellante (nin os veteranos streams de Real nin os trailers cinematográficos de Apple en formato Quicktime) xa que se fixo que a publicación de vídeo fose popular, pero agora queren aproveitar esta explosión para popularizar un dominio de Internet, o .tv.
Así, a empresa Demand Media (sita en Santa Mónica, EE.UU.) lanzou o proxecto Me.tv, que permite ós usuarios que merquen dominios .tv a súa personalización creando no mesmo unha rede de vídeo persoal, que se pode alimentar dos servizos de vídeo de Yahoo!, Google, MySpace, Revver, iFilm e, por suposto, YouTube. Así, os usuarios que merquen un dominio .tv por 25 dólares/ano contarán unha plataforma na que poden realizar unha selección de vídeos a xeito de televisión persoal, podendo ter así unha ferramenta completa na que publicar vídeos, imaxes, foros e mesmo blogs.
A canle de Carson Daly Calquera pode ter así a súa propia canle televisiva na Rede, pois só hai que elixir un dominio libre baixo o sufixo .tv (que non sexa domino premium, xa que certos nomes teñen un prezo superior), darlle nome á web, elixir un molde coa aparencia que queremos que teña o novo espazo e elixir os vídeos que queremos publicar de distintas fontes.
Para facerse unha idea do que se pode ter co servizo de Me.tv o presentador televisivo da NBC Carson Daly conta ca súa propia canle con este sistema, que permite que internautas sen coñecementos técnicos nin grandes recursos poidan inaugurar unha televisión na Internet competindo con partidos políticos, famosos ou canles de televisión tradicionais. Un curioso xeito de dar un maior pulo ó infrautilizado dominio .tv.