Unha ferramenta facilita levar a PC o Sonic Unleashed de Xbox 360

luns, 3 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Estamos afeitos a ver como, co tempo, os xogos para vellas consolas de videoxogos poden empregarse en ordenadores e outros dispositivos a través de emuladores, pero existen solucións alternativas como XenonRecomp, ferramenta que facilita á conversión de executables para Xbox 360 para que poidan funcionar como aplicacións nativas para PC, o que veñen de aproveitar uns afeccionados para crear Unleashed Recompiled.
Falamos dunha conversión do xogo Sonic Unleashed de Xbox 360 a PC, permitindo así gozar do título de consola baixo Windows e Linux, podendo tirar proveito de melloras como maior resolución, maior taxa de fotogramas, soporte para monitores ultrapanorámicos, mellor desempeño e posibilidades de modificación.
Para poder gozar da conversión é preciso contar cos ficheiros do xogo orixinal de Xbox 360, ou sexa, que esta iniciativa non busca promover a piratería, senón que persegue a preservación dos xogos de vellas consolas ao adaptalos a plataformas modernas.
Confíase en que esta é a primeira de moitas conversións que chegarán nos vindeiros meses, facilitando que títulos que non chegaron a gozar con versión para PC poidan agora correr en equipos informáticos modernos como se estivesen creados orixinalmente para ordenadores persoais.

Vídeo no que podemos ver en acción a conversión non oficial de Sonic Unleashed a PC