Unha listaxe sitúa un xogo de Zelda coma o mellor da historia

martes, 3 de xullo do 2007 Marcus Fernández

Portada da revista

A revista británica EDGE (que se edita tamén en España dende hai pouco máis dun ano), comezou a vender hoxe un número especial de 260 páxinas na que se comentan os 100 mellores xogos da historia a xuízo dos seus lectores, o que non é un baremo moi obxectivo, pero serve como referente dos gustos europeos.
O que podería sorprender a máis de un é que o xogo que lidera a listaxe ten case 9 anos, pois se trata do The Legend of Zelda: The Ocarina of Time que saíra para a consola Nintendo 64, seguido por Resident Evil 4 (xogo máis actual, dispoñible para GameCube, PS2 e Nintendo Wii) e Super Mario 64 (tamén para Nintendo 64).
Entre os 10 primeiros clasificados tamén se colocan 3 xogos para SuperNintendo (Super Mario World, The Legend of Zelda: A Link to the Past e Super Metroid), 1 para PS2 (Final Fnatasy XII), 2 para Xbox e PC (Half-Life 2 e Halo) e un clásico que saíu para case calquera plataforma imaxinable (Tetris).

Imaxe do xogo de Zelda para a consola Nintendo 64

Deste xeito teriamos claro que o sector dos xogos está liderado por Nintendo, xa que a metade dos 10 mellores xogos está formada por títulos exclusivos para a súas consolas, e teriamos que a valoración dos usuarios non se corresponde co nivel técnico dos xogos nin na súa espectacularidade, senón que é a súa experiencia de xogo a que acada o recoñecemento dos xogadores.