Unha panadería de Vimianzo abre tenda virtual en Internet

xoves, 15 de novembro do 2007 Raquel Noya

A día de hoxe case non hai produto que fique á marxe das redes de Internet (nunca mellor dito) para ser vendido unicamente nas tendas físicas. Ós billetes de avión, viaxes, mobles, roupa, libros, discos, produtos exóticos, mascotas (por desgraza para todos), medicamentos, produtos electrónicos ou todo tipo de obxectos de segunda man, hai que engadirlles agora a venda de pan a través da Rede de Redes.
Segundo indicaba onte o xornal El Correo Gallego, “unha empresa de Vimianzo vende pan por Internet”. Trátase da casa PanArtesán, que vén de abrir panignacio.com, a súa tenda virtual dende onde, aseguran, “danlles servizo ás vilas e ás cidades”.
Os habitantes de Ferrol, A Coruña e as comarcas de Terra do Xallas, Barbanza, Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra que conten con conexión a Internet xa non teñen escusa para pasar nin un día sen pan, pois ata alí chega o servizo de subministro deste alimento por medio de pedidos en liña.
A tenda virtual permite asemade visualizar tódolos seus produtos ofertados, os puntos de venda existentes no territorio, información relativa á marca, as franquicias de PanIgnacio dispoñibles e incluso acceder a unha bolsa de emprego para contemplar a posibilidade de incorporarse ó equipo de traballo.
A empresa sortea unha cesta de Nadal entre os clientes que fagan pedidos en liña.