Unha parte dos espectadores di que a calidade da televisión non gañou ren coa TDT

xoves, 29 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

A TDT meteuse nas nosas vidas e hai quen non lle ve moita chicha. En certa maneira, é comprensíbel que isto sexa así: trátase dunha tecnoloxía aínda en desenvolvemento e que en boa medida aínda non desvelou tódalas posibilidades nin tampouco despregou todo o seu potencial de cobertura. Segundo un estudo de iforTv para a Asociación de Usuarios da Comunicación, AUC, case a metade dos cidadáns españois, o 48%, cre que o apagamento analóxico trouxo pouca calidade na oferta e atrancos na sintonización. O primeiro enténdese porque a TDT só foi unha mellora tecnolóxica, de feitura máis que de contido. Polo tanto, falando coloquialmente, hai o mesmo lixo televisivo de sempre.
Sobre o segundo, as dificultades para a recepción, cómpre ter en conta o devandito: que se trata dunha tecnoloxía nova e que aínda se está a traballar por mellorar a cobertura en amplas zonas da xeografía estatal.
No estudo, de tódalas formas, infórmase de que a chegada da TDT percíbese, en xeral, como unha boa cousa. De feito, o 56% das persoas enquisadas considéranse satisfeitas ou moi satisfeitas co cambio de tecnoloxía. O resto din que a situación empeorou ou ben que non notan a diferenza. Entre os aspectos negativos que se salientan figuran os que xa comentamos: a baixa calidade dos programas e as dificultades na recepción. A xente é especialmente crítica coas canles de teletenda ou esoterismo, aínda que tamén reciben paus os programas de teleconcursos, tamén chamados call TV, e tamén os programas de contidos rosas e o telelixo. Entre as cousas que se valoran positivamente figuran a maior oferta dispoñíbel de canles, a variedade e as importantes melloras de calidade en imaxe e máis en son.

PUBLICIDADE