Unha páxina web recolle as escolas galegas creadas dende a emigración

luns, 20 de setembro do 2010 Marcus Fernández

Esta mañá abriron as súas portas virtuais na web As Escolas da Emigración, un proxecto de Arquivo da Emigración Galega que busca valorar a memoria e os testemuños da acción solidaria e altruísta dos nosos emigrantes a través do inventariado, a xeolocalización e a documentación do patrimonio educativo fundado polos emigrantes galegos en América dende finais do século XIX e as primeiras décadas do século XX, época na que estímase que en Galicia fundáronse máis de 220 escolas a través de Sociedade Instrutivas creadas na emigración que se encargaban da achega de fondos para a edificación, a dotación e a contratación de mestres que iniciaron en Galicia unha concepción moderna da educación, na procura do progreso das persoas e de Galicia a través da formación.
O Arquivo da Emigración Galega do Concello da Cultura Galega, cun convenio co Secretaría Xeral da Emigración, está a localizar, inventariar e mesmo a erguer en plano estes antigos edificios a través dunha aplicación aberta en liña obra do Concello da Cultura Galega, que permite aos usuarios explorar as antigas escolas, das que poucas continúan coa súa actividade, mentres que o resto están en mans de parroquias e concellos, e foron reconvertidas en espazos sociais, culturais ou administrativos, agás as que actualmente están en ruínas. Este catálogo en liña aínda está en proceso de elaboración, polo que irán incorporándose novos edificios ata o ano que vén.

PUBLICIDADE