Unha película de Bradley Cooper e Jennifer Lawrence chega antes á Internet que aos cines

luns, 9 de marzo do 2015 Marcus Fernández

A industria cinematográfica leva uns anos intentando adaptarse ás novas canles de distribución, tanto na procura da innovación como na busca de saídas a atrancos xurdidos nas plataformas de exhibición tradicionais, e un dos filmes que está a dar a nota estes días é Serena, protagonizado por Bradley Cooper a Jennifer Lawrence, que sorprende por ofrecerse en plataformas como Google Play, iTunes e Amazon Instant Video 3 semanas antes da súa estrea na grande pantalla nos EE.UU.
Xa houbo varias producións que se estrearon simultaneamente en cines e na Internet, pero que a estrea chegue antes ao mercado doméstico é unha xogada moi arriscada, que podería indicar a pouca confianza que hai nesta película que tivo moitas dificultades para atopar distribución nos EE.UU. (o que non conseguiu ata o ano pasado pese a terse gravado en 2012) e, de feito, en España xa a veremos en DVD e Blu-ray o vindeiro día 18 (aquí si chegou a algúns cines o ano pasado outono) e xa se atopa en plataformas en liña como Filmin, que ofrece o filme tanto en versión orixinal subtitulada como dobrada ao español.


Trailer da película