Unha resolución xudicial reaviva o debate sobre a neutralidade de rede nos EE.UU.
mércores, 15 de xaneiro do 2014
- Ajit Pai, Mignon Clyburn, Tom Wheeler, Jessica Rosenworcel e Michael O’Rielly da Comisión Federal de Comunicacións (FCC)
O Tribunal de Apelacións dos EE.UU. en Washington resolveu como
nula a decisión da Comisión Federal de Comunicacións (FCC) para forzar ao
operador Verizon a garantir a neutralidade
de rede nos seus servizos de acceso á Internet, ou sexa, que as
intencións da FCC de impedir que os provedores de servizo poidan bloquear ou
reducir a velocidade de certo tipo de tráfico a través da Internet vense
frustradas por considerar o Tribunal que a clasificación actual dos
provedores de servizos de banda larga non se corresponde con prestadores de servizos
básicos, de xeito que quedarían fóra das competencias da FCC.
Aínda que hai que vexa isto como un duro golpe á neutralidade de rede, podemos
ver o asunto como un simple atranco formal, froito dunha política inconsistente
por parte da FCC, que primeiro libera de regulacións a un sector (concretamente
en 2002 determinouse que as compañías de banda larga fixa quedaban fóra da
consideración de operadores de telecomunicacións para ser considerados
provedores de servizos de información) para despois intentar imporlle restricións,
facendo ilegal a orde que pretendía garantir a neutralidade de rede na banda
larga fixa (en móbiles parece amplamente aceptadas as limitacións das conexións
para garantir a calidade do servizo).
A necesidade de garantir unha Internet aberta continúa a existir, polo que
agora queda por ver se a FCC apelará ante a decisión actual, ou se, pola
contra, explorarán outros camiños para garantir a neutralidade de rede (para o
que podería
chegar con mudar a clasificación dos provedores de servizos de banda larga
para situalos dentro do ámbito de competencias da FCC).