Unha revisión da PS4 Pro reduciría o seu nivel de ruído

xoves, 8 de novembro do 2018 Marcus Fernández

É habitual que as consolas de videoxogos experimenten lixeiros redeseños ao longo da súa vida, e en moitos casos estas modificacións non son visibles de cara o público, pois limítanse a cambios de compoñentes que en ocasións atenden principalmente á evolución da cadea de subministros ou outras causas que non deberían afectar ao consumidor.
Pero o que está a acontecer coa PlayStation 4 Pro segundo desvelan dende Digital Foundry si debería chamar a atención de futuros compradores, xa que detectaron que a segunda revisión da PS4 PRO, modelo CHU-7200, mitigaría o principal problema desta consola: o seu elevado nivel de ruído durante a execución de videoxogos esixentes.

Comparación entre a PS4 Pro orixinal e a súa revisión (abaixo)

O anterior redeseño da consola mellorara a refrixeración da memoria RAM e optimizara a ventilación da máquina, pero esta nova consola, que polo momento semella ser exclusiva da edición que se comercializa co xogo Red Dead Redemption, parece empregar unha fonte de alimentación diferente (cando menos o conector traseiro ten unha forma diferente). As probas realizadas indican que a consola, pese a facer menos ruído, non alcanza temperaturas superiores ás do modelo orixinal nin ten tantos picos de consumo, polo que enténdese que estamos ante unha versión optimizada que resulta máis silenciosa (aínda que lonxe de chegar aos niveis da Xbox One X, que pese a ser máis potente consegue manter niveis de ruído máis moderados).

PUBLICIDADE