Unha vila británica adiántase ó apagón analóxico

mércores, 17 de outubro do 2007 Marcus Fernández

O apagón da televisión analóxica supón todo un reto para os países europeos, e no Reino Unido están a comezar a experimentalo no concello de Whitehaven (no condado de Cumbria) de xeito que o pasado martes desconectaron un dos transmisores locais de televisión analóxica. Agora os cidadáns que queiran ver a BBC 2 na zona deberán contar con televisor con sintonizador dixital ou mercar un receptor de TDT e durante os vindeiros días continuarán o apagado de canles analóxicas ata que o 14 de novembro a poboación ó noroeste de Inglaterra só poderá recibir o sinal dixital de televisión o que serve coma proba do que será o apagón analóxico que se terá que facer en todo o Estado en 2012.
Segundo parece, este cambio non será moi traumático para os fogares británicos, pois o 84% dos mesmos a contan con equipamento dixital, e coidan que en Whitehaven 9 de cada 10 fogares non teñan problemas co peche dos transmisores analóxicos, mentres que os restantes teñen unhas semanas para pórse ó día.
Dende as tendas locais tamén advertiron que dende finais de xullo as vendas de receptores de TDT se incrementaron un 1.400%, mentres que os televisores con TDT integrado tamén melloraron as súas vendas ata o 280% no mesmo período, destacando que este tipo de incrementos nas vendas nunca se experimentara fóra da campaña de Nadal.