Unidade Moteira crea unha web para protestar polos novos impostos por emisións de CO2
mércores, 12 de novembro do 2008
As asociacións de
moteiros englobadas baixo o nome de Unidade
Moteira, veñen de pór en funcionamento unha nova páxina web que ten como
principal obxectivo amosar a desconformidade do colectivo ante a intención do
Goberno de establecer un novo imposto de matriculación especial para as motos.
Este sitio, que
xa leva rexistradas máis de 1.500 adhesións, pretende ser un centro no que se
concentre a oposición á nova proposta de lei anunciada polo Goberno e que
contempla a posta en marcha dun imposto de matriculación especial para
motocicletas, asociado ás emisións de CO2 dos vehículos.
Este novo imposto
de matriculación para motocicletas contempla que as motos que emitan menos de 80 gramos de CO2 por quilómetro
quedarán exentas de pago, mentres que as que emitan entre 80 e 100 gramos pagarán o
4,75 por cento; as que teñan unhas emisións de entre 100 e 120 gramos afrontarán un
tipo do 9,75 por cento e, finalmente, as motos con emisións de máis de 120 gramos por quilómetro
ou con 100 cabalos de potencia o máis, asumirán o tipo máximo do 14,75 por
cento.
Unidade Moteira
reclama a retirada “deste ilóxico
proxecto de lei que discrimina aos vehículos de dúas rodas ao establecer un
baremo de tributación por emisións de CO2 máis alto ás motocicletas de potencia
igual ou superior a 100 cabalos, independentemente do seu nivel de emisións”.

