Valentín García: “Debemos ter claro que o galego é útil para calquera ámbito científico ou tecnolóxico”

mércores, 13 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

O secretario xeral de Política Lingüística nunha imaxe de arquivo no Pazo de San RoqueA nosa nova cita con Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, xira unha vez máis arredor das redes, do galego e de como seguir sendo o que somos nun mundo tecnolóxico, universalizado e conectado. Segundo nos conta o propio Valentín, todos estes asuntos de interese van seguir dando que falar con esta recta final final de 2019 e cos comezos de 2020, punto de inflexión no que seremos testemuñas de máis ferramentas tecnolóxicas para visualizar, preservar, reivindicar, protexer e, sobre todo, divulgar as cousas que integran a nosa cultura.
-Valentín, é posíbel vivir tecnoloxicamente en galego? Cre que a Rede, en termos xerais, satisfai as demandas lingüísticas que as galegas e os galegos lle poidamos facer?
-En liñas xerais, é posible vivir tecnoloxicamente en galego para a maioría da poboación, pero iso non significa que non teñamos carencia ningunha nin que non haxa que traballar para seguirmos avanzando. O galego está bastante ben situado no ámbito da tecnoloxía en relación a outras linguas do seu mesmo número de falantes, mesmo cando algunhas delas son linguas oficiais de todo un Estado, pero evidentemente temos máis dificultades ca as linguas máis grandes, sobre todo cando nos referimos ás tecnoloxías que teñen que ver co recoñecemento da voz, cada vez máis presentes nas nosas vidas. Aí, contar con millóns e millóns de falantes que eduquen as máquinas é unha vantaxe evidente.
-Cónstanos que a Secretaría Xeral de Política Lingüística é un dos organismos galegos que máis esforzos envorca en permitir a posibilidade de facermos vida dixital en galego. Porén, os esforzos e recursos postos en xogo pola Secretaría Xeral (individualmente ou colaborando con outras entidades e asociacións) actualízanse cada pouco. Que novidades nos está a deparar 2019 neste senso e que cousas novas traerá 2020?
-No 2019 presentamos un novo curso en liña de lingua galega orientado a adquirir as destrezas necesarias para alcanzar un nivel Celga 3 e en decembro empezará a funcionar Galicia Nomeada, unha aplicación móbil colaborativa para a recolleita, xeorreferenciación e difusión global da microtoponimia galega na que están traballando a Xunta e a Real Academia Galega.
Para 2020 seguiremos ampliando a oferta de formación a distancia, aproveitando as posibilidades que nos brindan as tecnoloxías da comunicación, e temos pensado publicar un novo curso en liña para o Celga 2. Ademais, estamos traballando para poder presentar novas funcionalidades do portal xurídico Lex.gal e noutro curso de galego a distancia para a formación inicial de poboación inmigrante adulta.
Aínda que este tipo de aplicacións e de recursos son o máis visible, eu quixera resaltar tamén o traballo de investigación constante e calada que se fai desde o Centro Ramón Piñeiro, cuxas bases de datos están a disposición das empresas que queiran desenvolver tecnoloxías da fala na nosa lingua.
-Que lle pediría vostede a 2020 en materia de tecnoloxías, cultura galega, lingua e dixitalización?
-Pois eu creo que é importante que todos os galegos e galegas avancemos no aproveitamento das posibilidades que temos neste momento de uso da nosa lingua en Internet para que as empresas tecnolóxicas descubran o valor que temos como mercado. Se somos galegofalantes, pero sempre facemos as nosas buscas de Google en castelán, por exemplo, Google pensará que non paga a pena o galego; se todos os galegos empregamos a nosa lingua sempre que poidamos, aumentaremos o seu valor para as empresas e, nun círculo e retroalimentación, estas ofrecerannos novas posibilidades de empregar o idioma propio de Galicia.
-Lingua de Namorar, o certame en liña de mensaxes de amor que impulsa a Secretaría Xeral, é xa un clásico dos nosos concursos tecnolóxicos. Trátase dunha iniciativa que tenta normalizar tres cousas que cremos que pagan a pena: expresarnos en galego, comunicar libremente e sen prexuízos o noso sentir amoroso e apostar polas novas tecnoloxías como vehículo válido de comunicación e creatividade. Cal cre vostede que será o seu legado? Será Lingua de Namorar algo do que se lembren con agarimo as vindeiras xeracións?
-Eu coido que si, porque neste momento conta cunha gran aceptación. Son moitos os mozos e mozas que participan, ben presentando mensaxes, ben votando polas súas favoritas. Coido que conecta cun novo xeito de expresarse, caracterizado pola brevidade e a intensidade das comunicacións tecnolóxicas, e espero que deixe pegada no sentido de que sirva para animar á xeración de persoas que son mozos e mozas agora a que usen a lingua propia de Galicia nas redes sociais e, en xeral, nas súas interaccións coa tecnoloxía.
-Política Lingüística ten axudado ao éxito de Puntogal e a consecución do dominio galego. Gústanos, cada pouco, facer balance do acadado neste punto...
-O .gal medra amodo pero dunha maneira constante e sostida, así que estamos bastante satisfeitos. A Asociación Puntogal continúa a difundir o dominio mediante distintas iniciativas asociadas a datas puntuais, como o 17 de maio, que nós procuramos visualizar. Por outra banda, continuamos traballando para favorecer a incorporación ao dominio .gal de todos os concellos pertencentes á nosa Rede de Dinamización Lingüística. Na programación anual da Rede, cuxa próxima edición se elaborará no mes de decembro, os técnicos adoitan incluír algunha acción relativa á expansión de .gal
-Este mes de novembro as bibliotecas van conmemorar o mes da ciencia en galego. Vai ser un programa ateigado de divulgación, espectáculos de maxia, obradoiros, relatorios, contacontos e conferencias. Cales son as motivacións que alentan este programa co-impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística? Até que punto resulta positiva a confluencia destes dous tipos de divulgación entre as novas xeracións: a do uso do galego e a científica?
-É importante que toda a sociedade teña claro que o galego é unha lingua que se pode empregar en calquera ámbito e, por suposto, tamén no científico e no tecnolóxico. Se non se fai tanto como nos gustaría, non é por razóns inherentes á propia lingua, senón por circunstancias externas que, neste momento, están favorecendo o uso do inglés na investigación ao longo e largo do mundo.
Queremos comezar desde a base, fomentando as vocacións científicas en galego, e facémolo a través de dous instrumentos: o ensino e a dinamización lingüística. No ensino regrado, algunhas materias científicas, como Bioloxía e Xeoloxía, impártense na lingua propia de Galicia. Como temos un sistema de ensino bilingüe, outras impártense en castelán. Con todo, é importante transmitir a idea de que calquera idioma serve para calquera área. Aínda que o alumnado reciba as clases de Física en castelán, debe saber que se pode facer física en galego. Para iso temos as actividades de dinamización. A divulgación científica en galego permite que os rapaces e rapazas amplíen o seu dominio da lingua e experimenten directamente que poden entender e transmitir conceptos científicos na fala de Rosalía de Castro. Se, ademais, a través destas actividades fomentamos o interese pola ciencia en si mesma, estamos dobremente satisfeitos.
-Brevemente, que papel vai xogar a Secretaría na longa listaxe de actividades que están a coller corpo dende múltiples frontes para celebrar o Xacobeo 21, que está xa, coma quen di, á volta da esquina?
-A Secretaría Xeral de Política Lingüística forma parte da Consellería de Cultura e Turismo, que é a encargada de coordinar o Xacobeo 21, así que traballará tamén neste proxecto que é un dos prioritarios da dita consellería. Para empezar, as accións de dinamización lingüística que vai desenvolver a Secretaría Xeral van incorporar contidos transversais cun marcado carácter xacobeo. Pero ademais Política Lingüística terá un papel importante na edición e publicación dos materiais do Xacobeo a promoción e difusión exterior da lingua galega no marco desta celebración, así que se esforzará por darlle visibilidade á lingua e proxectala cara ao exterior aproveitando o cada vez maior número de visitantes, peregrinos e turistas, que están elixindo Galicia como destino.
Permítame lembrarlle que dentro do Plan Estratéxico do Xacobeo 21 a lingua figura como un dos polos de atracción dun turismo que é fundamentalmente cultural. Un 60% dos turistas que nos visita manifesta que o fai por motivos culturais e esa é unha grande oportunidade para o galego. Aínda hai uns meses unimos a preparación do Xacobeo coa promoción exterior da lingua, durante o I Simposio Internacional Os Centros de Estudos Galegos Camiño do Xacobeo 21. En febreiro deste ano, en colaboración co Servizo de Normalización dun dos concellos da Rede de Dinamización Lingüística, Redondela, organizamos unha xuntanza cos hostaleiros da vila onde tratamos as potencialidades do patrimonio lingüístico galego para atraer turistas e peregrinos durante a celebración do Xacobeo 21.

PUBLICIDADE