Vampire Survivors de balde por tempo limitado

xoves, 19 de decembro do 2024 Marcus Fernández

A tenda de Epic Games está a celebrar o Nadal agasallando un xogo novo cada día, e até as 17:00 horas do venres está a ofrecer toda unha xoia: Vampire Survivors.
Falamos dun xogo desenvolvido polo estudio independente Poncle Limited lanzado hai un par de anos e que converteuse nun dos xogos do ano para moitos, polas súas mecánicas aditivas e o seu carismático deseño.
Trátase dun xogo casual de terror gótico con elementos roguelite no que hai que aniquilar a milleiros de criaturas da noite e procurar sobrevivir até o amencer, recollendo polo camiño obxectos e xemas que axudarán a incrementar o poder do noso personaxe.
Cómpre salientar que estamos ante un título que conta co cada vez máis esquecido modo cooperativo local para até 4 xogadores, polo que as partidas poden converterse en toda unha festa.
Aínda que o xogo é de balde, actualmente están dispoñibles varias expansións que poden adquirirse por separado por prezos que van dende os 1,99 aos 3,99 euros, de aí que non sorprenda tanto a oferta da tenda de Epic Games, pois podemos entender que confían tanto no xogo como para pensar que ofrecéndoo sen custo haberá moitos xogadores que quererán pagar para ampliar a experiencia orixinal para, por exemplo, fusionala cos personaxes de Castlevania.

Pese á súa simplicidade gráfica, Vampire Survivors é un dos xogos máis importantes dos últimos anos