Vanquish será un dos Xogos con Gold do mes que vén

luns, 23 de abril do 2018 Marcus Fernández

De xeito un tanto anticipado desvelouse en YouTube o vídeo que dá conta dos Xogos con Gold do mes de maio, de xeito que xa coñecemos os títulos que recibirán os usuarios Gold de Xbox LIVE durante o mes que vén, que son unha selección bastante atractiva, especialmente por incluír entre os xogos retrocompatibles de Xbox 360 a Vanquish, que é unha das xoias de Platinum Games que non conta con versión para consolas da actual xeración, e que agora vai chegar a moitos xogadores que non gozaron del no seu día. Vanquish foi unha das incorporacións ao programa de xogos retrocompatibles máis celebradas dos últimos meses, e a súa grande difusión a través de Games with Gold podería considerarse que fará xustiza cun xogo que non merece quedar no esquecemento.
O outro xogo retrocompatible de maio será SEGA Vintage Collections: Streets of Rage, que recolle as tres primeiras entregas dun dos grandes referentes dos beat’em up de primeiros dos anos 90, Streets of Rage, xogo que marcou unha época e do que probablemente veremos pronto unha adaptación audiovisual.
No que respecta a xogos de Xbox One, durante todo o mes teremos dispoñible Super Mega Baseball 2, título independente de Metalhead Software que achegaranos ao mundo do béisbol; e a partires do día 16 o xogo que poderá incorporarse á colección dos subscritores Gold será Metal Gear Solid V: The Phantom Pain, que foi a culminación da saga de Metal Gear Solid, e que estivera precedido por Metal Gear Solid V: Ground Zeroes (xogo incluído entre os Xogos con Gold de outubro de 2015).

Metal Gear Solid V: The Phantom Pain, como era de prever en visto do que aconteceu coa súa anterior entrega, incorpórase finalmente aos Xogos con Gold

Vídeo no que anuncian os Xogos con Gold de maio

PUBLICIDADE