Velneo, a plataforma low code de Visual MS, acada 4 indicadores de excelencia Ardán
mércores, 3 de xuño do 2026
A firma galega Visual MS anunciou que Ardán, o servizo de información empresarial do Consorcio da Zona Franca de Vigo, dependente do Ministerio de Facenda e creado para a mellora competitiva do tecido empresarial galego, outorgou un total de catro indicadores a Velneo, a plataforma low code que permite a outras empresas desenvolver as súas propias solucións de software de forma completamente áxil e cómoda.
Os indicadores Ardán outórganse a empresas que traballan arreo para mellorar a competitividade tanto da súa empresa como do sector no que operan, mostrando un crecemento económico sostible.
Juan Carlos Pérez, responsable financeiro de Visual MS e Óscar Soliño, director executivo (CEO) de Velneo, recollerán este xoves 4 de xuño o galardón.
Os epígrafes onde Velneo conseguiu eses catro indicadores son: Alta produtividade, Empresa global, Empresa Innovadora e Empresa con xestión do talento.
Carlos Pérez agradeceu en nome de toda a corporación que a Zona Franca se fixara novamente en Visual MS á hora de entregar os seus cobizados indicadores Ardán. Sobre a xestión do talento, Pérez sinalou que “somos unha empresa tecnolóxica onde conseguimos elevar ata os catorce anos de antigüidade, máis do triplo que a práctica totalidade de empresas da industria tecnolóxica grazas á implantación de políticas de benestar onde o empregado se pon no centro”.
E engadiu: “Comprobamos como moitas outras empresas do sector descenden as súas cocientes de produtividade ante unha alta rotación dos seus empregados. Mentres máis continuidade e estabilidade laboral poidamos achegar, os nosos índices de produtividade sempre serán crecentes”, sinalou Pérez, engadindo que Visual MS foi Best Workplaces en 2009, 2010 e 2011, alcanzando o 1º e 2º posto na nosa categoría, e en 2024 logramos o 1º posto no sector Tecnoloxía (empresas de 101 a 250 empregados).
Pola súa banda, Soliño, apunta que Velneo, a pesar de cumprir xa dúas décadas de traxectoria, continúa sendo unha referencia para miles de empresas que precisan dispoñer de ferramentas tecnolóxicas áxiles e doadas de aplicar e integrar. “Para Velneo é unha satisfacción tremenda que a Zona Franca de Vigo a través dos indicadores Ardán distinguise a nosa firma como empresa innovadora. Xurdimos hai máis de 20 anos con ese leit motiv e esa seguirá sendo a nosa guía: achegar ao mercado innovación tecnolóxica que permita ás empresas facer crecer a súa facturación”.
Velneo é unha plataforma de desenvolvemento low code orientada á creación de aplicacións de software e ERPs empresariais. Propiedade da tecnolóxica galega Visual MS, permite programar solucións complexas en meses en lugar de anos utilizando unha contorna de deseño visual nativo, evitando así a programación da infraestrutura desde cero.
