VíaGalicia dá a coñecer os 40 proxectos seleccionados para a fase academia

venres, 23 de outubro do 2015 Redacción

A terceira edición da aceleradora VíaGalicia que promoven a Xunta e máis a Zona Franca de Vigo xa conta con 40 proxectos empresariais seleccionados para pasar á fase de Academia. Esta escolma é o resultado dun proceso de selección sobre a base de 314 iniciativas presentadas. A Zona Franca fixo públicos hoxe os nomes dos 40 proxectos, 20 por sede de Vigo e 20 por Lugo. Por certo que dalgúns xa temos falado en Código Cero, como por exemplo Trendon.me, EverNight, OpositaTest, Phottic ou ConetCam.
A fase formativa que comeza agora (Academia) terá sete semanas de formación e desenvolverase os venres pola tarde e os sábados pola mañá. Prevese que as sesións se inicien na sede de Vigo o vindeiro venres 30 de outubro, e na sede de Lugo o venres 6 de novembro.
O obxectivo desta fase será validar aspectos relacionados coa proposta de valor e o modelo de negocio dos proxectos, “a partir dun enfoque eminentemente práctico baseado na experimentación”. Os responsábeis de cada iniciativa participarán en mesas redondas con diferentes representantes do noso ecosistema emprendedor, e terán acceso a titores e mentores especializados. Trala etapa de formación, celebrarase unha xornada de demostración (Demo Day) en cada unha das sedes (Vigo e Lugo) que permitirá avaliar cales serán os 15 finalistas que participarán no proceso de aceleración que terá lugar no Centro de Negocios de Porto do Molle.
Os 15 finalistas poderán recibir unha contribución financeira de até 125.000 euros, dos que 75.000 serán achegados pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación e Xes Galicia e os outros 50.000 polo Consorcio a través da sociedade de capital-risco Vigo Activo. Ademais destas cantidades, que se entregarán baixo as modalidades de subvención a fondo perdido e de préstamos participativos, os finalistas terán servizos personalizados de asesoramento e un espazo gratuíto no co-working do Centro de Negocios de Porto do Molle.
Estes que citamos de seguido son proxectos seleccionados para a academia de Vigo: Bendita Cocina, BioFast, Celtalga Extract, Dika Water Flames, eDomesTIC, EverNight, Foodie, Grupo Tecnológico Arbinova, Gymmer, La Despensa del Campo, Mercado Flotante, Mindtastic.com, Nano Synthesis & Consulting, Quiroo, Resetea, Scenon, Trendon.me, Twibex35, Vashim e Vehículo Motorizado Stilz.
Estes son os de Lugo: Biwid, Castañam, ConetCam, Domesting, Energy Fly, NotSantas, NubINGS, OpositaTest, Peryco.com, Phottic, Qubiotech, Queso Artesano, Sedaqua: Depuración Ecológica, SmartJump, TasteLab, Tilín Tilín, TrikesTK, WeKAb, Wood Feelings e Xénese ETE.

PUBLICIDADE