Videoronk: revolucionario sistema de busca para os servizos de vídeo máis empregados da Rede

luns, 30 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Videoronk permite descargar os vídeos atopadosUn par de amigos madrileños, conscientes das dificultades de atopar vídeos entre as moitas páxinas que permiten ós usuarios subir os seus clips (YouTube, Google Video, Dailymotion, etc.) decidiron comezar un proxecto que achegue de xeito gratuíto, doado e rápido os vídeos de todos estes servizos, tanto para a súa visualización como para a súa descarga, de xeito que combinan moitas características doutros servizos, conformando unha solución completa e moi atractiva.
Así, crearon Videoronk, que é un buscador que emprega tecnoloxía AJAX para o seu funcionamento, e que permite localizar nunha mesma operación en distintos servizos de vídeo, amosando os resultados de xeito simultáneo e mediante intuitivas miniaturas gráficas dos vídeos atopados, sobre as que se pode picar para ver directamente o vídeo, e amosando tamén opcións de descarga dos mesmos para poder gardalos no disco duro (en formato FLV, MP4 ou AVI segundo estean dispoñibles).
O sistema tamén permite realizar buscas de vídeos musicais (que primeiro preguntan polo intérprete e logo polo tema a localizar) e pode gardar unha listaxe cos nosos vídeos favoritos (que se almacenan mediante cookies no noso equipo.
Teñen así un servizo moi atractivo que sorprende que chegase antes dunha iniciativa independente que dun portal de Internet ou dunha incubadora de empresas que quixera explotar economicamente este servizo que seguro que vai ter unha acollida espectacular.