Vieiros ábrese á colaboración dos seus usuarios

venres, 11 de maio do 2007 Marcus Fernández

Os medios tradicionais están avanzando cara ós novos desafíos da Web 2.0, e os medios dixitais tamén fan o propio, chegando as novas tendencias a exemplos tan próximos coma Vieiros, que tras renovar a súa imaxe ábrese agora á participación dos usuarios coa sección Vieiros Aberto (ou Open.Vieiros) que permite ós usuarios rexistrados a publicación de novas sobre calquera actividade, suceso ou reflexión.
Así, os usuarios poderán acceder a unha ferramenta de edición dende a que escribir as súas novas (podendo incluso axuntar imaxes e documentos) para logo propolas ó novo sistema de Vieiros, de xeito que a redacción de Vieiros poderá incorporala na portada de Open Vieros de considerala oportuna.
Este novo espazo ten especial relevancia nestas datas, xa que dende a publicación animan ós cidadáns a contar cómo viven os comicios electorais nos seus concellos, de xeito que se converte nun lugar interesante para a difusión tanto de anécdotas coma de denuncias.