Vigo acolle as curtas finalistas do Festival Actúa de Intermón Oxfam

martes, 10 de xuño do 2008 Raquel Noya

Os vindeiros días 11 e 13 de xuño vai ter lugar na sede da Fundación Caixa Galicia en Vigo a proxección das 14 curtametraxes finalistas da III edición do Festival Actúa que organiza na Rede Intermón Oxfam para promover o consumo responsable na sociedade.
Este evento, que nesta edición conta co patrocinio de Canal + e Canon e coa colaboración de 20 minutos e Cine Estudio, recibiu un cento de curtametraxes procedentes de 15 países entre os que se atopan España, Francia, Italia, Grecia, Reino Unido, Estados Unidos ou Canadá.
A entrega de premios deste ano (Mellor Curta de Ficción e Mellor Curta Documental, dotadas con sendas cámaras Canon) terá lugar dos días 12 ó 14 de xuño no Círculo de Bellas Artes de Madrid e de xeito simultáneo, as obras poderán verse tamén noutras 19 cidades españolas, entre as que salientan as galegas, A Coruña e Santiago de Compostela.
Este festival ten como obxectivo transmitir -mediante o cinema tanto documental como de ficción- os problemas que limitan o desenvolvemento dos pobos e que afectan ás súas comunidades e cada ano propón unha temática diferente relacionada sempre con algunha das áreas de traballo de Intermón Oxfam.
Este ano, con motivo da celebración da Expo Zaragoza 2008, entre os Premios Especiais concederase o Premio da Auga, que recaerá naquela obra que mellor trate (segundo o xurado desta cidade) especificamente o problema da falta de auga no noso país.
Asemade, tódalas votacións recollidas naquelas cidades nas que teñan lugar cada unha das proxeccións serán sumadas ás da páxina web do Festival e ás da web de Canal + para decidir o gañador do Premio do Público.
Na imaxe, fotograma dunha das curtas finalistas.