Vigo acolle unha xornada sobre financiamento da I+D+i

mércores, 7 de maio do 2008 Raquel Noya

O Foro de Innovación do Club Financeiro de Vigo -en colaboración coa Asesoría I+D+i, Caixanova e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio- vai celebrar a partires das 17:00 horas desta mesma tarde unha xornada sobre Políticas e financiamento da I+D+i organizada no marco do programa Aula de Investigación e Innovación da Xunta de Galicia.
Os obxectivos desta xornada, á que asistirá entre outros o director xeral de I+D+i do goberno galego, Salustiano Mato, son presentar os novos plans estatais para 2008, dar a coñecer as últimas novidades en materia de axudas, subvencións... e axudar ás empresas a lograr unha xestión óptima das axudas.
Os encargados de levar a cabo os relatorios previstos no programa serán Galo Gutiérrez Monzonis, subdirector xeral adxunto de Fomento da Innovación Industrial, do Ministerio de Industria e Víctor Tarruella, socio-director xeral de Asesoría I+D+i.
Tódolos asistentes recibirán o Manual I+D+i en Galicia: Deducións fiscais, subvencións autonómicas e outras axudas, realizado pola Asesoría I+D+i en colaboración con Caixanova.

PUBLICIDADE