Vilagarcía acolleu a entrega do Premio StartTIC ao arqueólogo dixital de SRG
luns, 23 de marzo do 2026
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, foi o encargado de entregar o I Premio do programa StarTIC, convocado pola Cámara de Comercio PVV, o Consorcio Zona Franca de Vigo e Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicaciones de Galicia) co obxectivo de impulsar a innovación tecnolóxica do sector empresarial e industrial.
O proxecto da compañía pontevedreses SRG Informática foi o gañador grazas ao seu “arqueólogo dixital”, un sistema para poñer orde na anarquía de datos e arquivos informáticos de negocios e empresas mediante a utilización de IA e computación na nube.
O recoñecemento entregouse a semana pasada no Hub da Cámara de Comercio de Vilagarcía, onde tamén se concederon os accésits do xurado aos proxectos presentados pola firma Craftium, de Vilagarcía, e polo investigador vilanovés Rubén Navarro.
El Vigilante é o título da iniciativa dos primeiros, deseñada para xestionar e crear valor na documentación do sector loxístico.
Pola súa banda, a NAVI-Swim de Navarro ten como obxectivo guiar a nadadores en augas abertas mediante xeolocalización e algoritmos.
Alberto Varela agradeceu aos organismos convocantes a posta en marcha de iniciativas tan interesantes como esta, “necesarias para impulsar a modernización e desenvolvemento da economía”. Tamén se dirixiu aos concursantes sinalando que “todos sodes gañadores ao ter apostado por estas ferramentas e polo emprendemento, un dos piares para xerar riqueza e base da creación de empresas e emprego”.
O alcalde comentou que as administracións e institucións “estamos aquí para axudarvos e acompañarvos”, e incidiu “na estreita colaboración entre Concello e a Cámara de Comercio, a punto de poñer en marcha un convenio de apoio ás iniciativas dos emprendedores.
Por parte da Cámara de Comercio, o vogal vilagarcián Miguel A. García, destacou a aposta da entidade pola dixitalización e o apoio ao emprendemento, con “StartTIC como gran aposta”.
Os premios Challenge-Based Innovation foron creados no marco da Incubadora de altas tecnoloxías StarTIC, cofinanciada ao 60% polo Programa Plurirregional dos fondos FEDER 2021-2027 e impulsada pola Fundación INCYDE.
