Vilagarcía introduce aos seus maiores no uso dos móbiles e do WhatsApp

xoves, 26 de outubro do 2017 Redacción

O Concello de Vilagarcía quere acurtar a distancia entre a xente de idade e as novas tecnoloxías. Por que motivo? Pois basicamente para favorecer o que se coñece como envellecemento activo, unha serie de prácticas e actividades que axudan aos nosos maiores a seguir sendo autónomos e independentes e que adoitan reforzar a súa eficacia (estas prácticas e actividades) co emprego das novas tecnoloxías da información. Neste senso, os móbiles constitúen un dos piares fundamentais das novas tendencias de envellecemento activo. En base a isto, a Concellería de Persoas Maiores organiza o obradoiro Uso do teléfono Móbil, que se impartirá no mes de novembro e no que poderán participar de xeito gratuíto 20 alumnos deste colectivo de idade. O prazo para anotarse vai do 30 de outubro ao 10 de novembro.
Con este taller, o departamento que dirixe Tania García Sanmartín, pretende “ofrecer ás persoas maiores a oportunidade de introducirse no uso das tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) dun xeito sinxelo, ameno e, fundamentalmente, útil”. O obxectivo principal é que “adquiran uns coñecementos básicos sobre os dispositivos e sobre o WhatsApp para que poidan mellorar cuestións cotiás do seu día a día”. Por exemplo a comunicación cos seus familiares e amigos ou a xestión do seu tempo de lecer.
Nun plano máis práctico, amosaranse aos participantes cousas como as partes principais do teléfono móbil, a función das distintas teclas, como deben cargar a batería ou conectar os auriculares. Tamén se lles explicará o significado das iconas de pantalla, como mandar un mensaxe de texto ou manexar a axenda de contactos.
O curso será impartido por persoal do Centro Polivalente Ana María Paradela e desenvolverase nun seminario do Auditorio en dúas sesións de 2 horas de duración cada unha. Os interesados poderán inscribirse nas dependencias da Concellería de Persoas Maiores.

PUBLICIDADE