Vinte series compoñen a Sección Oficial do Carballo Interplay

martes, 15 de abril do 2025 Marcus Fernández

A Sección Oficial de series a competición do Carballo Interplay, que celebrará a súa XII edición do 24 ao 27 de abril no Mercado de Carballo, continúa a consolidarse como escaparate internacional do talento dixital. Seleccionaron vinte propostas procedentes de doce países, cunha notable diversidade de xéneros, estilos e temáticas. O festival completa así a súa programación e publica o cartel oficial, que inclúe nomes recoñecidos como Facu Díaz, Miguel Maldonado ou Ana Polo na sección de espectáculos en directo, así como paneis para o debate e a reflexión sobre as tendencias na Rede.
Canadá será o país con maior representación nesta edición, con cinco series asinadas por creadoras e creadores desa orixe. Séguelle España, con catro propostas, das cales tres son galegas. Son elas Así falamos, así sentimos, unha comedia arredor de Nabiza Girl, unha superheroína amante da lingua que pon en valor a fala como reflexo da identidade dun pobo, dirixida por Virginia Curiá e Tomás Conde; E logo, quen foi?, unha microserie policial de Teresa Barbena; e A moza que abortou e o contou, un falso documental de Eire Cid e Rosalía Quiroga que regresa ao festival logo de gañar o premio ao Mellor Proxecto en 2023.
A competición completarase con series procedentes dos Estados Unidos, Irán, Reino Unido, Chile, Portugal, Alemaña, Porto Rico, Australia, Francia e Austria.
As proxeccións dividiranse en bloques para facilitar o desfrute durante os catro días do evento. O Xurado Oficial será o encargado de elixir as series gañadoras, que se darán a coñecer o domingo 27 de abril ás 12:30, nunha pequena gala conducida por Belén Puime e Miguel Canalejo.
Este xurado está formado por Bob Pop, crítico televisivo, director e guionista; Albanta San Román, actriz, escritora e creadora de contido; e o director galego Jorge Boquete, responsable de títulos como Peter Brandon, El método sueco ou A arte de ser (mal) pai. Eles outorgarán os premios á Mellor Serie (dotado con oitocentos euros e trofeo) e á Mellor Dirección (con douscentos euros e trofeo).
O Xurado Novo, composto pola xornalista Celia Eiras, a directora Lara Caeiro e a cineasta Antía Rodeiro, entregará un galardón adicional de catrocentos euros e trofeo.

Estrea de Delirio Sketchs, unha visión cómica e camp da realidade galega

O festival será tamén o escenario da estrea de Delirio Sketchs, da directora viguesa Bea Saiáns, que se fixo co premio a Mellor Proxecto de serie na pasada edición. Presentaranse os tres primeiros capítulos o xoves 24 ás 20:00, coa presenza da directora, o elenco e o equipo técnico.
Delirio Sketchs está composta por episodios de entre dez e quince minutos, cun marcado estilo camp e trash, cargados de intensidade e humor delirante. Abordan problemáticas sociais dende o surrealismo e unha mirada intelectualmente extravagante, con sketchs irreverentes que mesturan coreografías, cancións, reportaxes e momentos icónicos do famoseo underground galego. Cada peza é unha xanela distinta dun caleidoscopio que reflicte a nosa realidade.

Preestrea de Mariliendre en Galicia

O Carballo Interplay tamén acollerá a preestrea galega da serie musical Mariliendre, dirixida polo lugués Javier Ferreiro. A proxección será o venres 25 de abril ás 20:00 no Mercado de Carballo, con entrada de balde. Contará coa presenza do director e da actriz protagonista, Blanca Martínez.