Vitae Consultores amósanos como protexer o noso posto de traballo e a nosa empresa de ameazas TI

martes, 22 de marzo do 2022 S. P.

Agora máis que nunca é preciso redobrar esforzos en ciberseguridade, tanto dende as institucións, entidades e corporacións directamente implicadas como a nivel de usuario na nosa empresa ou no noso fogar, contribuíndo deste xeito, co noso gran de area, a garantir unha Rede segura. E dicimos o de “agora” porque a crise pandémica e a guerra perpetrada por Rusia non fixeron máis que agravar a situación presente. Axudarnos a crear ambientes dixitais protexidos e fiábeis na empresa é o obxectivo da segunda edición do Curso Introdución á Ciberseguridade TI no Posto de Traballo, organizado por Vitae Consultores. Serán 15 horas de formación, a desenvolver en formato de aula virtual os días 20, 21, 25, 27 e 28 de abril.
Segundo explica a consultora, “este curso aportará os coñecementos e os recursos precisos ao traballador para que coñeza o seu papel e se atope totalmente concienciado coa necesidade de ser parte activa da seguridade TI da súa empresa, integrándose nos esquemas de seguridade que se atopen despregados, e, por outra banda, tamén á hora de dar cumprimento con diferentes normas legais en seguridade TI, así como a automatización das boas prácticas á hora de manexar activos da súa organización”.
En definitiva, o curso “achegaranos os recursos para protexer o noso posto de traballo de ameazas á seguridade TI, dende o uso axeitado das ferramentas tecnolóxicas e de xestión ás normativas legais en materia de protección dixital”.
A actividade formativa está dirixida a profesionais que empreguen as Tecnoloxías da Información no seu día a día, de calquera sector ou área. Non é preciso ter ningún coñecemento en ciberseguridade ou seguridade TI para realizalo.
A persoa encargada de impartir os contidos será Gonzalo Sotelo, responsábel do equipo de Investigación Tecnolóxica da Guardia Civil de Pontevedra. Sotelo é diplomado en Policía Xudicial pola Universidade Complutense e en Investigación Tecnolóxica pola Garda Civil, Europol e Interpol. É formador en cursos relativos á seguridade informática e a investigación tecnolóxica. A día de hoxe é garda civil e exerce como responsábel do devandito equipo pontevedrés dende a súa creación en 2003.

PUBLICIDADE