Vitae mostra como tirar proveito de DISC para fortalecer as nosas capacidades

martes, 3 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

O talento humano é, para moitos analistas, o principal valor dunha empresa tecnolóxica ou de calquera outro sector, e del dependen non só os proxectos da compañía para converterse finalmente en proxectos de calidade, senón tamén o propio éxito da empresa. Certo que hai máis factores, como o pulo innovador, a capacidade de traballar en equipo ou o valor da información que se xere e se manexa, pero o talento humano é o factor determinante que impulsa e une todos os demais factores. Porén, para que as capacidades que atesouran todos os nosos profesionais abrollen e medren, é preciso crear un escenario propicio. Este escenario, segundo informa a consultora galega Vitae, pode fraguarse á perfección coa metodoloxía DISC.
Para introducirnos nela e tirarlle o máximo proveito, Vitae vai organizar a nova edición (a terceira) do seu Curso Certificación Experto en DISC e Analista Conductual DISC (formato PDF), unha actividade decisiva e de recoñecido potencial (está certificada oficialmente por InterDISC) para extraermos o máximo partido do que en palabras da dita consultora, é hoxe “o sistema máis efectivo para comunicar, ensinar, liderar ou motivar”.
Segundo detalla Vitae, a metodoloxía DISC é un feixe de recursos especialmente indicado para o desenvolvemento e a valoración do talento humano da nosa empresa e, en última instancia, para levar a bo porto todo tipo de proxectos e operacións.
A actividade formativa abrangue novamente 16 horas de formación a impartir na Coruña (Hotel Attica 21) os días 7 e 8 de maio.
O sistema DISC, para quen non o saiba, aborda catro factores prognosticábeis de comportamento: como respondermos a desafíos e retos, como interrrelacionarnos cos demais e influír neles, como responder aos cambios e ao ritmo da contorna e como respondermos ás regras e procedementos.
A consultora detalla que os estilos de comportamento que mostra e defende o sistema DISC non son positivos ou negativos: “Temos certo nivel de cada un dos estilos na nosa personalidade, é cuestión de coñecernos e saber cal predomina máis no noso comportamento”. Sobre este punto, a metodoloxía DISC, que é o acrónimo de Decisivo, Influente, Sereno e Cumpridor (os catro adxectivos que reflicten as catro devanditas dimensións das nosas actitudes e disposicións), tamén nos mostra o camiño para ter a máxima información útil sobre este eido e como sacarlle proveito.
Ademais, cómpre ter en conta que o perfil DISC é hoxe en día unha ferramenta básica e de gran utilidade non só para a selección de persoal, senón tamén para o desenvolvemento profesional, o adestramento (coaching), a consultoría, a orientación familiar ou o traballo con xente nova.
Volvendo ao curso de Vitae, sinalar que inclúe a opción de certificación experto e analista conductual en DISC polo organismo oficial internacional InterDISC, que é unha organización sen arela de lucro que vela pola axeitada aplicación da metodoloxía a nivel mundial.
Vitae engade que esta actividade de formación está recomendada para todas aquelas persoas que desexan mellorar as súas habilidades en selección, avaliación, liderado e comunicación, amais de aplicar unha ferramenta efectiva de diagnóstico para profesionais de recursos humanos, adestradores, psicólogos, profesores, formadores, consultores ou comerciais, entre outros moitos perfís.
A profesional encargada de impartir os contidos será Ángeles Gris, experta en formación en metodoloxías DISC e ferramentas de diagnóstico. Ángeles é máster en adestramento no Instituto HUNE da Universidade de Alcalá e certificada como analista conductual DISC polo Instituto Internacional do DISC dende 2009.

PUBLICIDADE