Vitae ofrece en xuño a edición 54 do seu curso sobre Scrum e proxectos áxiles

martes, 28 de abril do 2026 S. P.

A consultora galega Vitae, referente na formación avanzada de tecnológas/os, vai ofrecer na recta final desta primavera (ás portas do verán) a nova edición dun curso histórico do seu catálogo: o Curso sobre Dirección e Xestión de Proxectos TIC Áxiles con Scrum, que chega á súa convocatoria 54 en xuño e que imparte novamente a enxeñeira en Informática Josefina Alonso Nocelo.
Trátase dunha actividade formativa dirixida a “facilitar aos profesionais das Tecnoloxías da Información recursos de primeira liña para afianzarse e medrar na vangarda da excelencia profesional”. O curso será novamente impartido pola experta Josefina Alonso.
Será polo tanto “unha oportunidade idónea para formarnos nos recursos que garanten a máxima calidade nos nosos proxectos tecnolóxicos e, tamén, nas metodoloxías que nos permiten coñecer polo miúdo as necesidades e requirimentos dos destinatarios deses proxectos”.
O curso, que achega a opción de Certificación Scrum Manager Nivel Experto, incluirá 16 horas de formación e impartirase os días 1, 3, 10, 15, 16 e 17 de xuño de 2026.
Estamos ante unha actividade de excelencia tecnolóxica que achega recursos para afianzarnos no uso das metodoloxías e modelos de tráballo áxiles, uns modelos que engaden eficacia e rendibilidade e que, a maiores, déixannos nun lugar privilexiado para “establecer a meirande proximidade cos clientes do proxecto no que estamos a traballar, sabendo o que precisan en todo intre, mesmo anticipándonos ás súas demandas e acadando a mellor comunicación”.
Segundo Vitae, a orixe deste curso está, tamén, nas vantaxes de anticiparnos ás nosas propias demandas. Ou sexa, de preparar o camiño a percorrer para saber cara a onde dirixirnos en canto se dea unha disxuntiva. Desta maneira nolo explica Vitae: “Tendo en conta o moito que evoluciona o mercado e a necesidade das empresas de adoptar medidas para satisfacer de maneira eficaz e rápida as demandas do cliente, propoñemos este curso sobre o uso de Scrum en proxectos e desenvolvemento de software”. Esta metodoloxía, engaden dende Vitae, permitirá a implicación e auto-organización de todo o equipo profesional dunha corporación para fixar un punto de partida e definir o proceso de desenvolvemento que se executará durante o proxecto.
Nun plano máis detallado acerca do programa do curso, neste abordaranse as diferenzas entre as devanditas metodoloxías áxiles e as súas vantaxes e inconvenientes con respecto a metodoloxías pesadas como CMMI, PMI e ISO, “dando unha perspectiva global aos asistentes para que adquiran os coñecementos precisos para seleccionar a metodoloxía de dirección segundo as necesidades de cada proxecto”.
A encargada de impartir estes contidos será novamente Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade directora da área de Operacións en DIHGIGAL HUB (Asociación para la Transformación Digital de la Industria Gallega). Josefina Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, SIVSA, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).