Vitae organiza en abril un curso sobre optimización avanzada de consultas con T-SQL e SQL Server
martes, 3 de marzo do 2026
Vitae Consultores, tecnolóxica galega centrada en formación avanzada para (sobre todo) profesionais das TI de todo o ámbito estatal, vai achegar este mes de abril o curso Optimización Avanzada de Consultas con T-SQL en SQL Server. Será unha actividade formativa de 12 horas, a desenvolver os días 21, 23, 28 e 30 de abril.
Este curso está orientado a aprender como escribir consultas pensando en como as executa SQL Server por dentro, “non a repetir sintaxes que xa aparecen en calquera titorial”, explica Vitae, engadindo que “traballaremos con T-SQL desde un enfoque práctico e técnico, centrado no rendemento real, en como se xeran os plans de execución, nos motivos que poden ralentizar unha unha consulta correcta pode ser lenta e en que decisións de deseño inflúen directamente no consumo de CPU, memoria e E/S.
Vitae engade que estamos ante “un curso para entender por que SQL Server fai o que fai, como interpretar esa información e como escribir código T-SQL que escale correctamente en contornas con datos e concorrencia reais”.
Todo o contido apóiase en exemplos prácticos, análises de plans de execución e casos habituais que aparecen en sistemas produtivos.
Ao finalizar a formación escribiremos consultas máis rápidas e ademais “saberemos diagnosticar problemas de rendemento, xustificar decisións técnicas e evitar erros comúns que acaban pagándose en produción”, engade a consultora galega, apuntando que a estrutura do curso está pensada para avanzar desde os fundamentos do funcionamento interno do motor de SQL Server ata a análise e a optimización práctica de consultas T-SQL en escenarios reais.
Obxectivos
O obxectivo principal é “que o alumno adquira criterio técnico á hora de escribir e revisar código T-SQL”. Ao longo do curso aprenderá a interpretar plans de execución reais, identificar colos de botella e comprender o impacto que teñen os tipos de datos, os índices, as subconsultas ou as táboas temporais no rendemento. Tamén se busca que a persoa participante sexa capaz de anticipar problemas, non só reaccionar ante eles, ademais de entender cando unha consulta é escalable, cando non o será e o porqué. O curso persegue que o alumno deixe de “probar cousas” e empezo a razoar o comportamento do optimizador e do motor de execución.
As sesións están dirixidas a desenvolvedores, analistas e profesionais de datos que xa traballan con SQL Server e escriben consultas T-SQL de forma habitual.
“É un curso especialmente axeitado para perfís que manteñen aplicacións, ETLs ou dashboards en produción e necesiten mellorar o rendemento das súas consultas ou entender problemas recorrentes de lentitude, bloqueos ou consumo excesivo de recursos”, apuntan dende Vitae, engadindo que “tamén é indicado para DBAs que queiran profundar na parte de optimización de código, máis aló da configuración da instancia”.
A persoa encargada de impartir os contidos será Roberto Carrancio, Microsoft MVP e enxeñeiro de rendemento de SQL Server e especialista en bases de datos. Conta con máis de 12 anos de experiencia axudando a empresas e profesionais a optimizar, asegurar e escalar as súas plataformas de datos dentro do ecosistema Microsoft. Ao longo da súa traxectoria traballou en contornas críticas e de alta esixencia para compañías de primeiro nivel liderando proxectos de mellora de rendemento, migracións entre versións de SQL Server, alta dispoñibilidade, seguridade e optimización de modelos de datos.
