Vitae ponnos ao día nas últimas e máis destacadas novidades da Guía do PMBOK

mércores, 9 de marzo do 2022 S. P.

Vitae Consultores, a través da súa aula virtual, organiza esta tempada o Curso Xestión de proxectos PMI: actualización á Guía do PMBOK 7. Esta actividade formativa, válida para a preparación do exame de certificación PMP do PMI, desenvolverase os días 29, 30 e 31 de marzo, e o 4 e o 5 de abril. Serán 15 horas de contidos arredor das posibilidades do PMBOK (un manual que achega ás organizacións un conxunto de procesos, modelos, criterios e recursos para asegurar a boa dirección de proxectos) e das vantaxes de renovar coñecemento arredor do PMBOK.
Vitae explica que a Guía do PMBOK, como toda norma ANSI (Asociación Norteamericana de Estandarización de Normas), debe ser actualizada cada cinco anos, “polo que resulta habitual a aparición dunha nova edición da guía ao longo dese prazo”.
Vitae tamén explica que dende agosto de 2021 atópase en vigor a Guía do PMBOK número sete, que desta volta non vén a substituír á sexta edición, como adoita ser habitual (deixando sen vigor a entrega previa), servíndolle máis ben de complemento. A sétima edición incorpora importantes novidades como por exemplo pasar de procesos directivos a principios e de áreas de coñecemento a dominios de desempeño. Vitae salienta a necesidade de complementar este recurso con outros enfoques de xestión, por exemplo a devandita sexta edición da guía ou as contornas áxiles que proporcionan Scrum ou Kanban, “xa que por si mesma a última actualización non mostra ao detalle como xestionar un proxecto”, entre outras cousas porque se centra basicamente en definir novas ideas como estratexia, principios e entrega de valor, achegando unha visión global de alto nivel e establecendo os fundamentos e principios da xestión pero sen entrar no detalle de como facelo”.
Obxectivos do curso
-Para todos aqueles asistentes que xa dispoñan da certificación PMP, o curso axústase ao requirimento do PMI de formación e actualización continua que todo responsábel de proxectos debe observar para o mantemento da súa certificación.
-Para todos aqueles asistentes que aínda non dispoñan da certificación PMP, pero xa asistiron ao Curso de Preparación PMP en base á Guía do PMBOK 6ª edición, supón a oportunidade de completar a súa formación e prepararse axeitadamente para afrontar o exame cos cambios que tiveron lugar dende o primeiro de xaneiro de 2022.
-Para o resto dos asistentes, estar actualizados en relación coas últimas tendencias relacionadas coa dirección de proxectos.
A persoa encargada de impartir os contidos será Isaac Olalla Del Real, licenciado en Dereito (Universidade Complutense de Madrid) amais de ser un profesional certificado co PMP e co PMI-RMP por parte do Project Management Institute. Trátase dun experto en xestión de iniciativas innovadoras, con máis de 15 anos de experiencia neste ámbito e preto dunha década como formador, impartindo cursos de xestión baseada na metodoloxía PMI. Polas súas actividades de adestramento xa pasaron máis de dous milleiros de persoas, formándose en xestión dunha PMO, en xestión de riscos e en xestión avanzada de proxectos. Ten traballado para Telefónica, Vodafone, Deloitte, IECISA, BT, a DXT, Bankinter, FedEx, o Ministerio de Industria, Votorantim, OHL ou a Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE