Viveiro lanza app de turismo cunha manchea de funcionalidades

luns, 23 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Viveiro vén de dar un chimpo en turismo pola vía tecnolóxica. Estamos a falar da aplicación móbil habilitada e lanzada polo Goberno local para servir de complemento ideal á web turística lanzada hai dous anos (www.viveiroturismo.com) co obxectivo de atraer visitantes e facer comunidade arredor dos moitos e variados atractivos do termo municipal lucense.
Segundo informou o Concello, a app salienta polo seu carácter visual, polo seu contido gráfico extra e por unha manchea de funcións ao servizo do visitante, o turista e, tamén a propia veciñanza de Viveiro. A aplicación está dispoñíbel xa para dispositivos con iOS e con Android.
Nun plano máis detallado, a ferramenta acubilla unha manchea de posibilidades, como por exemplo un bloc de notas, información sobre lugares de interese que visitar ou onde durmir, un mapa activo, un apartado de actualidade, unha relación de eventos, unha canle de incidencias e un escaner QR, entre outras funcionalidades. Asemade, a aplicación móbil conta cunha ferramenta que permite o envío de notificacións push, programadas tanto en tempo como por xeolocalización, que permite aos usuarios estaren conectados con todos os que teñan instalada a app no seu dispositivo móbil e mantelos informados “dunha maneira instantánea e actualizada”.

PUBLICIDADE