Vodafone achega as múltiples vantaxes do Big Data ás empresas e ás administracións

venres, 20 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

Pode a información a gran escala (Big Data) mellorar a eficiencia e a rendibilidade de empresas e institucións públicas? Pode, e practicamente non queda a estas alturas ningún profesional das TIC que o poña en dúbida, limitándose estas (as dúbidas) a xeitos de proceder e metodoloxías de aplicación (ou sexa, máis aos “comos” que aos “ques” e os “porqués”). Entre as empresas que queren apostar de xeito máis decidido polo Big Data para poñelo a disposición das entidades figura Vodafone, cuxa división española anunciou onte un acordo con Carto, plataforma que permite facer análises granulares e visualizar as relacións entre mancheas de datos, coa vista posta en axudar a que os negocios das empresas obteñan os mellores resultados.
Segundo explica Vodafone, Carto ten a capacidade de saber o que pasou, o que pasa e o que pasará. Semellante actividade no tempo só podía achegar vantaxes para cidades, países ou negocios, engade a operadora, que en virtude desta alianza engadirá ao seu catálogo de servizos para grandes clientes e administracións unha solución de Big Data (Vodafone Anaytics) “doada de usar e moi intuitiva”.
A solución, ademais, ten o punto forte de que non precisa da concorrencia activa de especialistas e de expertos en analítica de datos dentro das organizacións para tirar proveito do seu rendemento. Vodafone Analytics, engade a operadora, “permitirá ás administracións públicas mellorar a xestión das cidades e a calidade de vida dos cidadáns, ao ser posíbel a súa aplicación en diferentes ámbitos como o transporte urbano (optimizando rutas e recursos adicados ao transporte ou reducindo atoamentos de tráfico), no turismo (dispoñibilidade de aloxamento, desprazamento de turistas, planificación de eventos con afluencia masiva de visitantes), eficiencia enerxética, censo en tempo real, etc.”
No caso das empresas, a aplicación axudaralles a “seren máis eficaces dentro dos seus mercados ao poder adecuar a súa estratexia dunha forma máis acertada”. Por exemplo, esta ferramenta podería permitir coñecer cal é a mellor zona onde localizar unha nova tenda tendo en conta o perfil de consumidor que transita preto, realizar unha planificación loxística máis eficiente, ou xestionar mellor o stock en función do público que visita os espazos.
Para quen a estas alturas non escoitara falar de Big Data, dicirlle que constitúe un dos eidos que máis interese está a espertar na actualidade, non só entre a comunidade académica e investigadora, senón tamén entre as empresas, pola súa aplicación e a súa posta en valor nunha ampla variedade de ámbitos. De feito, as técnicas de análise de coñecemento a gran escala son un valor en auxe que transforma datos en información clara e eficaz, permitindo un coñecemento detallado sobre procesos, clientes, etc.

PUBLICIDADE