Vodafone lanza unha oferta de paquetes para as familias

martes, 28 de novembro do 2017 Redacción

Vodafone España presentou hoxe a súa nova proposta especialmente dirixida a facilitar as comunicacións e o lecer dixital nos fogares onde hai rapazada. Trátase de Vodafone One Familia, unha proposta acaida, en palabras da operadora, “para aquelas familias que o queren todo en entretemento e en comunicacións e non queren preocuparse por nada”. A nova oferta inclúe paquetes pechados con todos os servizos de comunicacións fixas e en mobilidade (voz, datos compartidos, fibra e liñas móbiles adicionais “cos mesmos beneficios cá liña principal) e contidos de lecer (coas “mellores series e o catálogo de HBO España, fútbol, cinema actual e contido infantil”).
Vodafone One Familia estará dispoñíbel desde o 16 de decembro e consta de catro tipos de paquetes distintos, que permiten ao cliente elixir a velocidade da fibra (50Mb, 300Mb e 1Gbps), a tarifa móbil (con 200 minutos ou chamadas ilimitadas, e 6 GB ou 10 GB) e os contidos de TV. Ademais, as tarifas móbiles incluirán o servizo Chat Pass, que permite usar as aplicacións de mensaxería sen gastar datos e itinerancia na Unión Europea e en Estados Unidos. Ademais, os usuarios poderán gozar da TV en calquera dispositivo (TV, PC, tabletas ou móbiles). A operadora tamén lembra que os clientes que contraten calquera paquete de Vodafone One Familia até o 7 de xaneiro de 2018 beneficiaranse dun desconto do 20%.
Con esta nova proposta, a compañía recorda que completou a súa oferta converxente para todos os perfís de clientes. Podemos ver máis información sobre esta liña de actividade na web específica de Vodafone One Familia.

PUBLICIDADE