Volve Narnia ó eido das consolas

xoves, 19 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Agora que moitos dos seareiros do primeiro filme baseado na saga de fantasía heroica de C. S. Lewis, As crónicas de Narnia, xa perderan a esperanza nunha continuación da mesma... agora resulta que si que hai nova entrega, e ademais por partida dupla: filme e máis videoxogo. Falamos de El Príncipe Caspián, segundo capítulo da serie e que ten as súas estreas previstas para o 4 de xullo (na pantalla grande), para o 20 de xuño (na portátil Nintendo DS) e para o vindeiro 18 de xullo (na consola Wii). O videoxogo, que vén da man de Disney Interactive, ofrece máis do mesmo pero (a xuízo do dito selo) pero mellor.
Ou sexa, que seguiremos unha vez máis metidos dentro da pel dos irmáns Pevensie, que regresan ás terras de Narnia 1.300 anos despois dos acontecementos da primeira parte, O león, a bruxa e o armario.
Tempo abondo, polo tanto, como para que as cousas se torceran. De feito, van ter que enfrontarse a todo un prototipo de ditador político: o tirano Miraz. O obxectivo do xogo non é outro que quitalo do trono. Con este fin, o xogador deberá facer escolmas entre 18 axudantes diferentes e tirar proveito de cadanseu punto forte.

PUBLICIDADE