Volve esta semana LibreCon para lembrar ao mundo o empuxe galego en cuestión de software libre

mércores, 18 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

Para todos aqueles que falaron durante anos da escasa rendibilidade empresarial que presentaría no futuro o software libre, as entidades AGASOL (Asociación de Empresas Galegas de Software Libre) e ASOLIF van organizar esta semana en Santiago, os días 19 e 20, un evento directamente encamiñado a desmentir a devandita crenza. Falamos da edición 2017 do congreso LibreCon, evento de referencia sobre software libre a nivel internacional e recordatorio múltiple de que o desenvolvemento tecnolóxico só acadará as súas maiores cotas apostando plenamente pola converxencia, a compatibilidade e a interoperabilidade. E isto, segundo veñen insistindo un ano tras outro os participantes de LibreCon, só se conseguirá polo camiño do software libre.
LibreCon 2017, en palabras dos organizadores “o maior encontro internacional de tecnoloxías libres”, terá ademais o punto forte de celebrarse en Santiago, o que segundo AGASOL e ASOLIF ten unha explicación ben clara: “LibreCon 2017 desenvólvese en Galicia porque a nosa Comunidade é punteira neste tipo de tecnoloxías, aínda que transcenda pouco deste feito”. Porén, é un feito contrastado que as nosas compañías de software libre contan con presenza de seu en boa parte do mundo, concretamente en 18 países, dende Silicon Valley até Corea do Sur ou Xapón, traballando ombro con ombro cos maiores xigantes tecnolóxicos do planeta.
No LibreCon participarán unha manchea de expertos, directivos e decenas de hackers, dando forma a prototipos en tempo real, e tamén mulleres hacker, que falarán sobre a presenza feminina neste eido de actividade, onde son punteiras (caso de Yaiza Rubio, por exemplo, que compartirá mesa redonda con Edita de Lorenzo, Bárbara Román ou Llüisa Núñez). Mañá 19 de outubro, primeiro día de actividades, abrirán roldas de relatorios Joaquín Álvarez Portelea (Fair Fishery from Galicia), Eneko Astigarraga (CodeSyntax), Juan Carlos Jiménez (IG4 Agr) e Pablo Sanxiao Roca (Oficina de Sofware Libre da Xunta de Galicia – AMTEGA). Proseguirán, ao fío das 10.00 horas, André Castelo Pichel (Avogados Dixitais), Carlos Rodríguez (LibreBit) e José Ángel Rodríguez (SALE – Oficina Técnica de apoio ao Software Libre do Goberno Vasco).
Por fíos temáticos, o congreso (que contará novamente co apoio Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG), céntrase este ano no uso das tecnoloxías libres nos sectores industrial e primario, e nas novas oportunidades que ofrecen estas tecnoloxías nos eidos como a computación na nube, a análise da información a gran escala (Big Data) e a Internet das Cousas (IoT). Ademais, haberá un track especial adicado á economía colaborativa.
A xuntanza, que volve a Galicia despois da edición de 2015 (impulsada por AGASOL, ASOLIF, o Clúster TIC de Galicia e o Concello de Santiago, entre outras entidades), tamén xirará arredor das potencialidades do software libre (achegando compatibilidade, estandarización, apoio das comunidades, facilidade de uso, liberdade de adaptación a diferentes contornas, custes económicos asumíbeis polas institucións e as empresas) para o impulso das cidades intelixentes, os drons, a ciencia e o desenvolvemento da Industria 4.0.
A edición de 2015
A última edición de LibreCon celebrada en Santiago recibiu a máis de 500 profesionais do mundo tecnolóxico e expertos en software libre, amais de servir de escaparate para presentar casos de éxito de grandes compañías e administracións públicas que están a aforrar custos e mellorando o seu negocio grazas ás tecnoloxías abertas. Ademais, no marco do encontro celebráronse máis dun centenar de reunións empresariais. O obxectivo desta nova convocatoria é xuntar aos mellores expertos en cada unha das áreas de negocio que se van abordar no ámbito da industria das tecnoloxías abertas. A idea, en palabras da organización, é converter “a capital galega, unha vez máis, no epicentro da open innovation durante dous días”.

PUBLICIDADE